Cangas lembra a súa historia

J. Santos CANGAS

VIGO

XOÁN CARLOS GIL

Reportaxe | O asalto á vila O 9 de decembro de 1617, fai hoxe 389 anos, piratas turco berberiscos desembarcaron en Rodeira e Balea e arrasaron á vila, matando veciños, violando mulleres e queimando o pobo

08 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?ai case catro séculos do episodio que marcou o destino de Cangas, que era entón unha vila próspera, cun comercio puxante e que iniciou dede aquel mesmo día, o 9 de decembro de 1617, o seu declive. O departamento de Cultura do Concello cangués organizou por segundo ano a chamada Festa barroca para conmemorar este episodio da historia da vila. Este ano uníronse os comerciantes do casco vello, agrupados en Abertal. A primeira edición fíxose na Alameda Nova. Nesta ocasión, o mercadillo instalouse ao redor da igrexa. A historia Os piratas entraron na ría a primeiros do mes de decembro. Eran un milleiro de homes. Fondearon nas Cíes mentras investigaban o terreo. Desembarcaron primeiro en Bouzas e ao día seguinte, en Domaio. Fixeron centos de reféns e mataron ducias de soldados e veciños. Colleron provisións e seguiron axexando os pobos da ría. Intentaron atacar Vigo, pero foron rexeitados. Miraron entón para Cangas. O día 9, de mañá cedo, fondearon frente a praia de Rodeira. Botaron ao mar once lanchas. Unhas puxeron proa a Rodeira e outras, a Balea. Atacaron simultáneamente a vila polo Señal e polo Costal. A defensa durou pouco. Os piratas botaron tres días na vila. Mataron ao menos un cento de persoas, violaron ás mulleres, queimaron á igrexa, o hospital e moitas das vivendas, roubaron o que atoparon ao seu paso. Levaron tamén reféns polos que pediron máis adiante, xa desde Argel, rescate. O historiador Eugenio Eiroa conserva unha das cartas remitidas dende o norte de África. A invasión turca marcou para sempre a Cangas. Os comerciantes foráneos que operaban na vila aproveitándo que non pagaban tasas reais por ser do Señorío de Santiago, fóronse para outros lugares mellor defendidos. Iniciuose un declive que durou un século. María Soliño O desembarco turco provocou, directa ou indirectamente, lendas e algúns dos fitos da historia de Cangas. O home de María Soliño, Pedro Barba, e máis o seu hirmán Antonio morreran defendendo Domaio. Quedaron tendidos na praia tratando de facerlle frente aos piratas. Pouco despois, ela foi xuzgada por bruxa, xunto con outras tres mulleres da vila. En realidade, a acusación foi unha excusa para quedarse coas súas propiedades. O Cristo que os mariñeiros atoparan aboiado na ría «non quixo arder» cando os turcos queimaron a igrexa. A imaxe, sin valor artístico algún, incrementou ata cotas inimaxinables o seu valor simbólico. Desde o Concello cangués proxectouse en varias ocasións instaurar unha festa conmemorativa da invasión turca. O ano pasado montouse na Alameda Nova un mercadillo da man da asociación Cantabria Medieval, Foron uns 25 postos con productos diversos. Había tamén actos de animación dedicados especialmente para os nenos. Máis de 40 postos Este ano repítese a festa, pero con maior número de postos (uns 45), mais implicación veciñal, sobre todo dos comerciantes, e un cambio de ubicación que lle dá máis sentido á celebración. O mercado pasou para a rúa Real e o entorno da igrexa. A asociación Abertal, formada por máis de vinte comerciantes e hosteleiros do casco vello, colabora co Concello na organización. As actividades, condicionadas en boa medida pola chuvia, inclúen unha representación do asalto á vila a cargo de rapaces de 5 a 12 anos e pasarrúas de malabares e gaiteiros.