Jaureguizar reflexiona sobre a identidade en «Cabaret Voltaire»

TELEVISIÓN

20 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

? escritor Santiago Jaureguizar dá un xiro á súa produción narrativa coa súa última novela, Cabaret Voltaire , Premio García Barros 2005. Esta obra será presentada hoxe ás oito da tarde, na galería Sargadelos de Santiago, nunha cita na que tamén estará o director editorial de Galaxia, Carlos Lema. Jaureguizar mergúllase nun tema e nunha época pouco recollidos pola literatura galega: os anos trinta do pasado século e a presencia do nazismo en Galicia. A través dunha trama de espionaxe, Cabaret Voltaire «é unha metáfora sobre a identidade dun pobo, que neste caso era o alemán, que buscaba o seu ideal colectivo e o atopou no nazismo, pero que na actualidade podémolo ver nunha Europa na que non temos claro de onde somos, con procesos migratorios, nin o que temos ao noso redor», explica Jaureguizar. Por iso, o autor destaca que a súa obra fala do presente, pero ademais «mostrando a Galicia dentro dun contexto europeo, porque grazas aos portos tiñamos proxección cos países do norte». Jaureguizar lembra que nas escrituras de fincas de Ribadeo, núcleo onde se desenvolve a novela, sinalábase que os lindes cara o norte era «mar polo medio con Inglaterra». Cabaret Voltaire supuxo para o escritor tres anos de documentación intensa sobre o nazismo, a súa presencia en Galicia e as repercusións que tivo nos artistas de toda unha xeración. As fontes documentais, destaca Jaureguizar, non foron só as novelas e os textos históricos, senón que, como amante da imaxe e da música, tirou de películas e das cancións de Kurt Weill para conseguir a maior recreación sobre a vida dun porto europeo nos anos trinta. «E non me esquezo de Google, un señor que é o que máis sabe sobre calquera tema», sinala o escritor. O inconfundible humor de Jaureguizar aparece a través dunha parodia sobre as novelas de espionaxe, un xénero que sempre lle fixo ilusión facer, «ao estilo de Graham Greene». No futuro, o autor vasco, aínda que afincado en Lugo desde hai moitos anos, afirma que volverá a mudar de estilo e de época: «Intento non repetirme». Iso si, ten claro que sobre a Guerra Civil española non ten previsto escribir nada: «Non me interesa, hai unha saturación á hora de revisar esta guerra, que creo que debe ser contada polos que a viviron».