Entrevista | Almudena Rodríguez Fernández Traballar na pesca «non mata a ninguén e permite aforrar máis», pero, como en terra firme, fai falla carácter para desenvolverse
07 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.O palangreiro de superficie Isla de San Vicente remata de entrar no varadoiro Vibu, onde se prepara para unha nova costeira do bonito, pero antes capitaneará en Burela a procesión da Virxe do Carme. A bordo, enfundada nun traxe azul e coas mans con restos de de graxa e aceite, Almudena Rodríguez Fernández. Veciña de Foz, ós seus vintiséis anos volta a enrolarse no barco de seu pai porque quere aforrar e, tamén, porque cada vez está máis complicado atopar tripulantes cualificados. Co seu título de mecánica naval de primeira, xa sabe como é o traballo na pesca. Mentres fala, a nai escoita; o pai, coñecido polo sobrenome de Cabrera, intervén de cando en vez na conversa e, na despedida, aparece o irmán, capitán de pesca da embarcación. -Non é habitual que unha moza estudie náutica e menos que se embarque... -Non seguín estudando cando rematei EXB e dende nena xa axudaba o meu pai, somos unha familia mariñeira. Chegou un momento no que había que facer algo e meu pai suxeriume un traballo con saída laboral, mecánico naval. Polo ensino de adultos, estudei no Instituto Náutico Pesqueiro de Vigo, onde coñecín ó meu mozo, con quen embarquei por primeira vez, tamén no barco de meu pai, no ano 1999, cando estudaba. -¿Voltou dende entón? -Sí, cando fixo falla xente para completar a tripulación. Sustituín ó cociñeiro, axudo en todo: o patrón xa sabe onde ten que poñer a cada un. («É o noso comodín», sinala seu pai rindo, dende a porta do comedor, onde se desenrola a entrevista). -Pero non estivo embarcada permanentemente... -Non. Dende xuño do ano pasado traballei en Vilagarcía, nunha conserveira, limpando as máquinas, con contrato de media xornada; pero non da o suficiente para vivir. -¿Por eso volta ó mar? -Outros emigran, eu embarco. Para aforrar e poder tirar para diante na vida. Polas horas que lle adicas, o traballo no mar non é máis rendible que outro en terra, pero como tes menos gastos e de cada vinte días só estás tres en terra, podes aforrar máis e máis rápido. -O traballo na pesca ten fama de duro, sacrificado. -Non mata a ninguén, pero a xuventude non quere ir ó mar. Ó mar non lle hai que ter medo, hai que terlle respeto. Eu creo que hai que ir, para coller ese impulso que che permita asentarte un pouco, pero non pasarse toda a vida nél. Se houbera un choio en terra para a miña titulación... -O mar tamén se ve como un mundo de homes. -¿Machista? Eu non percibo desprezos e teño boa relación cos compañeiros, non hai queixa. Sempre pode haber historias, pero eu nas vivín. Tamén é certo que nunca probei a embarcar nun pesqueiro que non fora o de meu pai. -¿Recoméndalle ás mulleres que traballen na pesca? -¿Por que non? Esto é igual que en terra firme, hai días bos e días malos. Pode decirse que para ir ó mar hai que ter un par de ovarios, demostrar carácter para que cada un sepa onde estás. Eu teño camarote propio, pero é certo que para que as mulleres teñamos cabida na pesca hai que preparar camarotes separados nos barcos.