Os estudiantes do Colexio Santa Baia montaron varias exposicións no centro vencelladas co sector pesqueiro Varias semanas tardaron os rapaces do Colexio Santa Baia, axudados polos seus mestres, en converter os pasillos do centro educativo nun mar, coas súas algas, cunchas e incluso algún que outro deses aparellos de pesca que, de cando en vez, os profesionais extravían cando están en plena faena. O obxectivo desta iniciativa é achegar ós cativos a un sector que é fundamental na bisbarra barbanzana e ó que están vencellados a maioría dos rapaces, a través dalgún familiar. Estudiantes e docentes estarán ata fin deste curso traballando cos distintos elementos que conforman a exposición «Mergúllate no mar dos libros».
07 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Todo comezou cunha campaña de animación á lectura que promoveron os mestres do colexio, na que o tema principal era o mar. Tal foi o gusto que alumnos e docentes lle colleron á auga, que decidiron seguir facendo actividades vencelladas co mundo do deus Neptuno. Así, comezaron a recopilar material vencellado co mar. Coa axuda da asociación O Faiado, da ferretería Casais e da cordelería J.J. Chicolino, o centro educativo converteuse en poucos días nun mundo submariño no que cada día se mergullan os estudiantes para coñecelo un pouco máis. Así, nos pasillos do colexio boirense exhíbense na actualidade coleccións de cunchas mariñas, de algas e de aparellos e atuendos utilizados polos profesionais da pesca para levar a cabo a súa labor. Tamén hai libros e revistas vencellados co mar e adaptados á idade dos rapaces que estudian no Santa Baia. Unha gran rede pendurada dende o último andar do centro ata a entrada anuncia o que pode verse no seu interior. Completa a exposición un gran mural confeccionado polo rapaces. Ata que remate o curso escolar, os docentes traballarán nas aulas e nos corredores do colexio a temática mariñeira. De momento, comprobaron xa que é un tema que esperta moito interese entre os cativos, xa que todos traballaron arreo na exposición.