A coordinadora Altri Non «seguirá na loita» mentres o carpetazo ao proxecto de Palas de Rei non sexa definitivo
SOMOS MAR
Os colectivos que encabezaron a oposición á celulosa consideran que non se pode aínda «baixar a garda»
27 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Os colectivos que coordinaron a oposición social ao proxecto de Altri reuníronse esta semana para analizar o anuncio do arquivo do proxecto de Greenfiber por parte da Xunta. E, tamén, para analizar que pasos dar no futuro máis inmediato. As entidades que forman parte dese movemento consideran que o anuncio realizado pola Xunta sobre o proxecto de Palas de Rei representa «un trunfo indiscutible e histórico da vontade do pobo galego, dunha mobilización social permanente e da defensa a ultranza do territorio galego fronte os intereses do capitalismo, da industria depredadora e dun goberno do PP absolutamente sometido ao ditado do capital». A coordinadora Altri Non, da que forman parte colectivos como a Plataforma Ulloa Viva, na Defensa da Ría de Arousa ou contra a Mina de Touro-O Pino falan da «derrota de Altri á contundente resposta de respulsa e participación masiva do pobo galego en todas as mobilizacións convocadas». Por iso, parabeniza así a todas as persoas, colectivos e entidades que contribuíron dunha ou doutra forma a acadar este fito e, en especial, ás plataformas máis directamente afectadas -Ulloa Viva e á Plataforma na defensa da Ría de Arousa- «sen cuxa perseverancia, alento, traballo e paixón na defensa do río Ulla e das súas xentes non teríamos acadado esta vitoria».
Pero a vitoria tal vez non sexa definitiva, e iso é algo que non queren perder de vista. Din que se trata dunha «vitoria inconclusa», xa que o arquivo do proxecto aínda non se fixo efectivo; previamente, a Xunta debe resolver a denegación tanto da autorización ambiental integrada (AAI) do proxecto como do expediente de concesión de augas. «Mentres isto non aconteza, a macrocelusosa de Altri aínda representa unha ameaza para o noso país». Por iso, o movemento colectivo Altri Non «chama á cidadanía galega a non baixar a garda ante a posible tentación da Xunta de arquivar en falso o expediente e permitir que no futuro Altri, ou calquera outra empresa especuladora e depredadora do territorio, poida recuperar e executar o proxecto».
Por esta razón, a coordinadora «seguirá na loita» e, nese senso, anuncia que a vindeira semana iniciará unha nova campaña de presión social que obrigue ao goberno de Alfonso Rueda a sentenciar definitivamente o proxecto e que alente ao pobo galego a seguir mobilizándose ata o final na defensa do río Ulla e do interese público, tamén fronte a outros proxectos contaminantes e destrutivos que ameazan con facerse realidade nos vindeiros meses como é a mina de cobre de Touro-O Pino. No marco desta nova xeira de accións non se descarta a convocatoria de novas accións mobilizadoras a comezos do mes de xuño, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente e co prazo límite dado polo goberno de Rueda á empresa promotora para presentar alegacións contra o arquivo do proxecto. «Daquela veremos reveladas no papel as intencións reais da Xunta e se, por fin, fai desaparecer definitivamente a peor ameaza ambiental e social do país da última década. Se a Xunta non cumpre, farase un novo chamado ao pobo galego a que faga valer nas rúas do país a súa vontade e dignidade colectivas».