Patrocinado por

Pérez Sieira: «Non poden facer leis lexisladores de salón, que só ven o sector en fotos»

La Voz

SOMOS MAR

MARCOS CREO

O Regulamento de Control é do que máis lle quita o sono ao presidente da Federación Galega de Confrarías

14 ene 2023 . Actualizado a las 04:45 h.

Cando mira ao horizonte o sector pesqueiro non ve máis que negrura. Nubes escuras cargadas de normativa europea «abusiva» fan presaxiar unha singradura con máis ameazas que oportunidades, di José Antonio Pérez. O Rubio, patrón maior de Ribeira que repite como presidente da Federación Galega de Confrarías, cre que para escapar dese chuvieira se necesita unha Administración forte e competente que entenda e escoite aos profesionais e os protexa cun paraugas das normas que se pretenden implantar e que poden facer inviable a actividade pesqueira e marisqueira. A irrupción dos parques eólicos mariños, la reforma de la política pesqueira, o prezo do combustible e a suba dos impostos tamén suporán retos para a federación.

—Que lle quedou no tinteiro como para repetir? Cal cre que foi o logro máis destacado do seu mandato e que lle quedou no tinteiro?

—Aínda queda moito por facer. A pandemia supuxo un reto para todos, incluído o sector pesqueiro, e provocou que asuntos clave tanto a nivel autonómico, nacional como europeo se parasen ou retardasen. As confrarías, como entidades, non foron recoñecidas a nivel de europeo para ser receptoras de axudas. So a Xunta de Galicia foi quen de recoñecer o esforzo de manter as entidades abertas para que sector puidese seguir traballando e traendo alimento aos mercados. A Federación Galega de Confrarías fixo visible o traballo do sector incluso na conversa que puidemos manter co Rei de España, o que foi un honor persoal e como presidente das confrarías galegas. Con todo, non se pode falar dun logro concreto. As dúas audiencias en Bruxelas, na Comisión de Pesca da Eurocámara, tamén foron fitos na historia da entidade. Con eses encontros puxemos no mapa as confrarías galegas e o seu papel no sector. E seguiremos pelexando polo seu recoñecemento ao mesmo nivel que outras organizacións, porque consideramos totalmente inxusta esta desigualdade no acceso as axudas para o mantemento e execución dos plans de produción. Houbo moito traballo estes catro anos. Para min, o ditame do Consello Galego de Pesca sobre a revisión da política pesqueira común no que traballamos activamente no grupo ad hoc creado e no que se recoñece o papel na comercialización das confrarías de pescadores foi tamén moi destacable. A verdade é que foron moitas as cuestións destacables neste período; o traballo do equipo da federación é moi significativo e a unión e o apoio das confrarías e das federacións é importantísimo na consecución de metas.

—Este ano parece que vai ir adiante o regulamento de Control e que os barcos de máis de 9 metros van ter que levar xeolocalización. Que lle parece? Que van facer?

—Isto parece un despropósito, unha broma pesada… Dende a federación non se entende que se exima da xeolocalización aos menores de 9 metros ata o 2030. Que pasa? Que a partires de ese ano as condicións do sector van cambiar, os barcos van crecer e a climatoloxía en Galicia vai ser de calma total? Hai cuestións que van ser inasumibles para o sector pesqueiro artesanal, se poñan como se poñan dende Bruxelas. Así llo intentamos facer ver dende a Federación Galega de Confrarías aos eurodeputados que recibimos na nosa sede e non queda máis que confiar en que recibiran a mensaxe e a entenderan. Nós remitimos escritos a todos os eurodeputados da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, ao seu presidente, mantivemos xuntanzas cos políticos españois responsables da área de Pesca… Se fixo un esforzo titánico para divulgar o problema e tratar de que a sociedade entendera a realidade do traballo da pesca e do marisqueo galego. Como federación estamos dispostos a seguir participando a nivel europeo en todos os foros para explicar o control que xa se exerce en Galicia sobre o sector pesqueiro artesanal e destacar o esforzo que as confrarías de pescadores realizan cada día en materia de control e remisión de datos de capturas de todo o que se comercializa nas súas lonxas.

«Non se pode pretender que un barco de baixura leve unha oficina a bordo»

—No de xeneralizar o diario electrónico e deixar de facer as notas de venda hai división. Parte da baixura defende que serviría para pechar bocas que falan de sobrepesca. Que opina? Por que non se debe impoñer o diario á flota máis pequena?

—As condicións de traballo e de habilitabilidade dos buques non permitirán en moitos casos a remisión por vía telemática dende a propia embarcación. A elaboración das notas en papel é realizada polo responsable do barco unha vez posto a cuberto. Os galegos somos coñecedores do noso sector artesanal e non se pode pretender que pequenas embarcacións leven unha oficina a bordo. Non sería viable. Non poden facer leis lexisladores de salón que só ven o sector en fotografías soleadas. Descoñecen a realidade do día a día do sector, e moitas veces xustifican o seu labor burocratizando impoñendo máis obrigas ao traballador de a pe en aras de facilitar o traballo á propia Administración. Os lexisladores de salón que só ven o sector en fotografías soleadas son descoñecedores da realidade do día a día do sector e moitas veces se xustifica o seu labor burocratizando impoñendo mais obrigas ao traballador de a pe en aras de facilitar o traballo á propia Administración.

—A flota artesanal sigue a estar fóra dos foros de decisións ou avanzou niso de facer lobi e influír en Bruxelas ou en Madrid?

—As federacións de confrarías realizan unha encomiable labor de visualización do sector. O labor realizado pola nosa entidade estes anos foi de moito calado e penso que se deron pasos para que as Administracións e os grupos de decisión teñan en conta ao sector galego non só de palabra, senón con feitos reflectidos na lexislación.

—Desaparecerán as confrarías para converterse en organizacións de produtores para ter acceso a fondos europeos ou seguirán intentando seren recoñecidas por Europa?

—O modelo que defendemos é o noso. Habería que abrir un debate con especialistas en dereito para conseguir o recoñecemento europeo ao mesmo nivel que as organización de produtores. Aquí non se trata de constituír novas fórmulas organizativas como algún pretende impoñer ou aconsellar. O futuro está en que as confrarías poidan presentar os plans de produción anuais, o que en Galicia denominamos plans de explotación, e que sexa posible presentalos a nivel europeo e poder acceder as axudas. Constituír novas fórmulas organizativas só conseguen división e debilidade. A nós parécenos que a unión fai a forza e se ten demostrado por parte das confrarías que a súa fórmula organizativa é a mellor garante da economía social do sector.

A pesca ten futuro, claro que si; polo menos mentras non comamos pastillas ou bichos»

—O segmento da baixura é a flota máis avellentada. Hai algún plan para modernizalo?

—Incentivar aos novos para que continúen coa tradición familiar ou para que decidan traballar no mar é unha tarefa moi difícil. O escaso impacto que teñen as axudas para adquisición do primeiro buque a menores de 40 anos dan conta da falta de relevo xeracional e do complicado que pode ser moitas veces atopar tripulación. A escaseza de cotas e as limitacións burocráticas dinamitan a ilusión que os pais lle poden transmitir aos seus fillos por este traballo. Non obstante, na pesca artesanal, no que as mareas son de menos de 24 horas, aínda que o traballo é duro, podo dicir que é moi reconfortante estar en contacto coa natureza e que ningún día sexa igual a outro. Moitas veces só se fala dos aspectos negativos de faenar no mar, pero tamén hai moitos positivos… Traballar é duro, pero todos os oficios teñen cousas positivas e negativas. Só hai que levar a vida con ilusión e proxectos persoais para ser feliz.

—Por que cre que non se da coa fórmula de atraer xente ao mar? É dura a pesca? Os soldos son baixos? Onde cre que está o problema da desbandada?

—Está moi relacionado co que xa comentei. A desbandada se está a dar en tódolos ámbitos laborais que requiran esforzo para non obter o rendemento económico esperado. O traballo no mar ten que gustar, e para gustar hai que coñecelo. Non se pode opinar sen coñecelo. Por iso animo a mocidade a que aposte polo mar, porque iso significa apoiar a súa cultura, a forma de vida do seu pobo e a economía local. Sempre digo que, sen pesca e marisqueo, os pobos galegos da costa morren. Por iso temos que ser responsables e estar traballando día a día polo sector para defender esta forma de vida en Galicia.

—En definitiva, hai futuro para a pesca?

—A pesca e o marisqueo teñen futuro, claro que si. Mentres non nos alimentemos de pastillas, insectos ou sucedáneos de proteína animal, imos seguir consumindo peixe. De feito é imprescindible que se siga incluíndo na dieta. Moi mal estaría a sociedade se renunciara ao consumo de peixe e marisco!

«Que non houbese máis candidatos non é falta de interese, senón respaldo á xestión»

Ser patrón ou patroa maior require un «sacrificio persoal e familiar», pero tamén unha vocación de servizo e unha empatía co sector pesqueiro e marisqueo. «Iso é o que temos todos os patróns e patroas maiores en Galicia, resolve O Rubio.

—Foi o único candidato que se presentou. A que cre que se debe esa falta de interese dos demais e por que decidiu vostede repetir?

—Que fose o único candidato a presidir a federación galega foi unha situación excepcional. É a primeira vez que se da dende a constitución desta entidade. Pero para ada significa falta de interese, simplemente sinto que a folla de ruta como entidade representativa do sector vai na liña que todos queren. Significa que as confrarías galegas amosan o seu total apoio á xestión realizada os últimos catro anos e aos pasos dados por esta federación.

—Que ten que facer un presidente das confrarías galegas?

—Ademais de representar e defender ao sector galego en xeral, considero que tamén é importante defender ás confrarías de pescadores como corporacións de dereito público e promover a visualización da pesca e das nosas entidades á sociedade en xeral e ás Administracións en particular.

—Malia ser o único aspirante, levou o seu programa electoral. Pode dicir os puntos principais?

—As confrarías son conscientes de que queda moito por facer e moito polo que estar preocupadas. A nivel galego hai que retomar a modificación da normativa sobre artes e aparellos en Galicia, aparte de outras. No ámbito nacional hai que seguir loitando polo recoñecemento das confrarías de pescadores ao mesmo nivel que outras entidades do sector para que poidan recibir axudas europeas. Temos o reto da enerxía eólica mariña, que debe ser abordado dende a perspectiva do diálogo e respecto pola actividade pesqueira e marisqueira. A nivel europeo non podemos esquecer que se está negociando o regulamento de Control e que temos que seguir esixindo que teñan en conta as particularidades da flota pesqueira artesanal e o marisqueo en Galicia. Non se pode lexislar sen coñecer e moito menos sen escoitar aos afectados.

—Hai críticas a que nas confrarías hai poucas mulleres nos órganos de goberno. Non están representadas nin en aqueles pósitos onde hai maioría esmagadora de mulleres. A que se debe? Comulga coas críticas? Ten pensada algunha actuación para aumentar a cota de mulleres nos órganos de decisión?

—Dende a Federación Galega de Confrarías se asume que a representación do sector é unha cuestión profesional que se dirime de forma democrática nas urnas e por sectores de produción. É lamentable que, descoñecendo o sistema de representación e o proceso electoral, se emitan críticas infundadas. As profesionais do mar teñen as mesmas oportunidades que os homes de ser elixidas e dende as confrarías sempre se vai promocionar que calquera socio se presente e sexa elixido democraticamente. Hai que destacar, en caso de empate de votos, o proceso electoral xa recolle que teña preferencia o sector infrarrepresentado en cuestión de xénero, polo que xa se entende que se está tentando promocionar a participación do sector feminino. Ás veces se dan casos de que, sendo maioría do sector mulleres nunha confraría, no proceso electoral non se elixe a unha muller para o órgano de dirección… Non hai resposta para estas situacións, salvo que a democracia nas confrarías funciona e as urnas son as que falan.

—Dos retos que se presentan por diante estes catro cal é o que máis lle quita o sono?

—No anterior mandato, o sector realizou paros da flota para facer ver a súa oposición ás novas imposicións do regulamento de Control, porque o que se pretende é inasumible para o sector. Dende a Federación se fixo un esforzo titánico e nos reunimos con todos os partidos políticos con representación europea para expor os nosos argumentos. Se pode dicir máis veces pero non mais claro: haberá barcos de pequeno porte sen cabina de mando, sen electricidade, con condicións meteorolóxicas adversas que non van poder remitir datos de capturas dende a propia embarcación… Haberá barcos nos que a xeolocalización non servirá máis que para aumentar os custes da actividade, porque traballan en grupos numerosos moi preto da costa e poderán ser sancionados se non levan un dispositivo de xeolocalización. Haberá barcos non terán claro que días teñen que estar xeolocalizados e cale non, posto que está empregando o criterio de uso de artes pasivos cando en Galicia un barco pode ter cinco artes no seu pérmex (permiso de explotación) e un ser pasivo e outro non... Non sei. É un despropósito e non nos queda outra que confiar en que prevaleza a cordura e o sentidiño nos políticos que negocian isto a nivel europeo.