Patrocinado porPatrocinado por

O apoucado, o feo e o malo na nosa pesca

Torcuato Teixeira SECRETARIO XERAL PESCAGALICIA

SOMOS MAR

CESAR QUIAN

17 oct 2021 . Actualizado a las 12:14 h.

Asistindo as reunións que se veñen de celebrar sobre os consellos que da o ICES para as cotas do ano que ven, un non pode deixar de pensar nese mítico título de Sergio Leone O bo, o feo e o malo, que tamén tiña unha lendaria banda sonora de Ennio Morricone. Falta o bo, pero é que non o hai. O director do filme que vemos todos os anos sempre é o mesmo: a Comisión Europea que dirixe, non precisamente con mestría, unha película, onde temos un actor que fai de apoucado: a Administración Pesqueira española, que asiste como convidado de pedra ás propostas que fan os científicos do Instituto Español de Oceanografía.

 ?O IEO asume o papel do feo, e alimenta ao ICES sen sopesar as consecuencias das súas accións, con informacións que prescinden do coñecemento e dos datos dos profesionais da pesca, sobre os diferentes stocks pesqueiros. Finalmente, temos ao malo: o ICES, que fai recomendacións frías, inexplicables e, por suposto, con indiferenza total ás repercusións económicas e sociais que o seu proceder pode traer consigo.

 O actor secundario deste filme, o sector pesqueiro, escoita incrédulo que non se teñen datos fiables dun stock da importancia do da pescada do sur par España e que, por tanto, hai que recomendar unha rebaixa do 11 % para o 2022. Outro tanto pasa coa xarda; iso si, o recorte que se propón so afecta aos pescadores da UE, pois outros actores de máis categoría, como Noruega ou illas Feroe, por exemplo, seguirán pescando segundo demande o seu sector, diga o que diga o ICES. Para rematar a traxedia, a cigala da VIIIc seguirá pechada na súa unidade funcional 25 porque aquí o apoucado tenlle medo ao feo, e o malo goza matando a esperanza, frustrada un ano mais, da reapertura desta pesqueira.

 É unha película que se repite ano tras ano, e na que a banda sonora non a pon o gran Morricone, senón a desfeita que provocan o apoucado, o feo, e o malo enterrando cada vez máis barcos que porían ter moitos anos mais de vida, pero que son salvaxemente cribadas sen un ápice de piedade.

E así andamos, un ano máis o mesmo guión, os mesmos protagonistas, e no 2022 veremos de novo o mesmo desenlace: un drama en toda regra para ós nosos pescadores e para este país chamado Galicia.