O galeón Rei do Mar volve navegar logo dun ano sen izar velas

Este barco naceu para transportar mercadoría pola ría de Arousa, fixo de bateeiro e agora é escola de navegación na Illa


a Illa / la voz

O Rei do Mar volverá este luns ao mar. En realidade sempre estivo aí -coa excepción das últimas semanas que houbo que subilo a terra para a súa posta a punto-, pero, para un veleiro coa súa historia, non chega con estar fondeado ou nun peirao. Estar no mar é navegar e despregar  velas, sentindo o bater das ondas e empapándose de salitre.

En setembro do 2019 fixo a súa última travesía a Ons coa idea de volver levantar a áncora na primavera de 2020, pero chegou a pandemia e o galeón quedou parado. Mañá ao mediodía (luns) remata o seu particular confinamento e será botado na dársena do Xufre, preto de onde fixo a súa presentación pública en maio do 2012 coincidindo coa celebración das Letras Galegas.

O Rei do Mar é un dos poucos galeóns que foron rescatados do despece e do esquecemento e hoxe é unha das xoias da coroa da flota de embarcacións tradicionais galegas. Construíuse hai más de sesenta anos para transportar mercadorías dun lado a outro da ría de Arousa, logo foi barco bateeiro e, despois, caeu en mans da asociación cultural Dorna da Illa, que converteuno en barco escola para ensinar a maiores e cativos como se navega de xeito tradicional, cun casco de madeira e a vela.

En Dorna non se aventuran a facer un calendario de regatas porque co covid-19 nunca se sabe, pero contan con poder levar ao seu rei aos encontros que Culturmar organizou este ano, do 5 a 8 de agosto en Moaña, co permiso da pandemia.

Con sorte, o galeón sumará moitas millas antes desa data e con esa idea preparouse a conciencia. Vén de ser obxecto dunha reforma do seu velame principal, que pasa dunha vela maior de relinga a unha vela maior cangrexa. Esta transformación facilitará a súa manobra e, polo tanto, o seu funcionamento como barco escola. Foi posible grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra, que en Dorna agradecen, como recoñecen tamén a labor que fai o Concello e o varadoiro do Xufre a prol da cultura marítima tradicional.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O galeón Rei do Mar volve navegar logo dun ano sen izar velas