Patrocinado porPatrocinado por

Raquel Vilas: «A granxa deume a estabilidade que non tiña e
un proxecto de vida»

irene martín SANTIAGO / LA VOZ

GANADERÍA

PACO RODRÍGUEZ

Esta gandeira de Negreira rexenta e atende, co home e a sogra, unha instalación de duascentas cabezas

16 oct 2023 . Actualizado a las 19:34 h.

Cambiou a súa profesión sanitaria para ser unha gandeira máis na explotación de vacún da familia de seu home. Raquel Vilas Pensado (A Baña, 1989) estudou no instituto santiagués de Lamas de Abade e, cando estaba traballando con maiores en Vimianzo como auxiliar de enfermaría, optou por deixar esta actividade. A muller conta que estaba con contratos temporais, con moitos problemas de conciliación e vía que o mercado laboral era «moi inestable»; pero a isto xuntóuselle a «necesidade» de incorporar unha persoa á empresa familiar, e foi así como se fixo gandeira, segundo engade. «A miña adaptación non foi doada, porque nunca vira unha vaca diante para ter que atendela. Tiven que facer un esforzo de aprendizaxe e tamén me axudaron meu home e a miña sogra, porque cando entrei, era un pato mareado», tal como explica Vilas, que xa vai para dez anos muxindo vacas. A súa granxa está en Marcelle-Landeira (Negreira), ten unhas 40 hectáreas e, nela, hai 200 cabezas de vacún de leite.

«A explotación deume a estabilidade que non tiña. Eu son decidida e non podía estar esperando na casa. E, desde entón, fixémoslle fronte a moitas cousas. Rehabilitamos unha casa, mercamos un coche, tivemos os fillos —que hoxe teñen 8 e 4 anos— Pero tamén ampliamos o establo. Fixemos outra nave para un cento de cabezas e temos máis proxectos en marcha. Entre outros, cambiaremos a sala de ordeño, que estará moito máis automatizada», declara con orgullo esta muller de 34 anos que se levanta ás 6.30 horas. Atendida e rexentada por estas tres persoas, a explotación conta con «moita maquinaria e o apoio» dalgunha empresa de servizos. Xuntar os animais, empezar co primeiro ordeño —que leva dúas horas—, darlle o leite á recría pequena, lavar a sala de ordeño e o circuíto de muxido, constitúen os labores iniciais dunha longa xornada que finaliza cara as dez da noite —«se vai todo ben», advirte Raquel—. «Cando ensilamos o millo, podemos acabar ás tres da mañá. E logo está o papeleo, porque cada animal ten a súa ficha. Hai que levar conta das altas, baixas, enfermidades, tratamentos, procedementos de inseminación, etcétera. Este rexistro, que facemos a diario, vai directamente á Xunta de Galicia, cuns prazos rigorosos que, se non respectas, penalízante nos fondos que recibes da Política Agraria Común (PAC). Todo isto inflúe na rendibilidade da explotación. E tamén atendemos os nosos maiores. A nosa vida é escrava cen por cen», segundo indica a muller.

Da súa actividade anterior como sanitaria di que a bota de menos «algunha vez», porque lle gustaba «moito» traballar con persoas maiores. «Pero non me arrepinto da miña decisión. Puiden facer un proxecto de vida. A granxa dá para vivir honradamente, pero sempre cos pés na terra e, practicamente, sen ningún día libre. Os tres facemos un bo equipo. A sogra nunca me berrou. E aínda que vivimos en casas distintas, xa formamos tres xeracións», afirma con satisfacción, sen deixar de recoñecer que ás veces non é fácil porque son moitas horas xuntos co marido, no traballo e no fogar. «Compartimos todo, as tarefas domésticas, o coidado dos nenos, o traballo, claro; pero tamén as nosas afeccións, como ir en bici», conclúe, en referencia á vida en común e á conciliación laboral e familiar.

Raquel ve máis futuro no medio rural que noutros sectores: «E véxome xubilándome nesto. Aquí sempre hai ingresos, máis ou menos, pero sempre hai. Ademais, dálle traballo a moitos profesionais e empresas auxiliares», remata.