Non hai cultivo agrícola con máis épica, forza e estética ca o millo. Non o hai, xa poden dicir misa. Nin patacas, nin orxo, nin trigo, nin fabas, nin nada da horta. Nos cinco meses que dura o proceso dende que se sementa o gran no rego ata que se esfollan as espigas non nace unha pranta: faino unha escultura. E todos os pés xuntos conforman inmensas fragas, cada vez máis altas, cada vez máis verdes, que lle dan a Galicia parte da parte da súa personalidade e tonalidade do verán e do outono.

O millo era como o porco, todo se aproveitaba. Os grans, para as galiñas. A fariña, para todo. Os cotos, para entullo ou queima, case parecían leña algún, erguidos de terróns fortes. A palla seca, para as vacas ou as cabanas. Rebicos para os animais. E así todo. Tiña tamén mística. As medas, as cerimonias de esfollado e gardado, as roldas de veciños, os días xa de frío e auga carrexando cestos cara o cabazo, arquitectura ad hoc; ceos claros con avións, mazás xa maduras na horta que axudaban a dar sabor ás tarefas amargas.

Todo iso era antes, cando as espigas parecían arcos da vella, gran vermello, gran amarelo, negro. Duras de roer. Cencenos suaves no alto. Non é o millo de hoxe, que vexo cando atraveso a AC-552 e polas voltas: uniforme no froito e na forma, semente e recollido automático, sen o agarimo (e o sufrimento) vello. Sen medo sequera ao descoñecido se penetras entre os altos pés, buscando un final. E cada leira con marcas de radiocasete alemán espetadas na beira. A música xa é outra.