O besadoiro amosarase no centro comarcal carballiñés

AGRICULTURA

Crónica | Reliquia etnográfica Este antigo arado desaparecido foi recuperado polo Museo Olimpio Liste de Oseira e as súas características foron recollidas nunha publicación e nun vídeo

05 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? paso dunha sociedade maioritariamente agrícola e gandeira a un esquema no que prima o entorno e a actividade xerada nos asentamentos urbáns condeaba a unha cultura, a tradicional galega, ó esquencemento e o espazo da memoria oral e colectiva. Neste novo esceario xogou un papel fundamental na lembranza e recuperación da memoria histórica galega o traballo e os proxectos desenvolvidos por investigadores, historiadores, etnógrafos, asociacións culturais e sociais e outros colectivos. No caso da provincia de Ourense, e de Galicia, un dos proxectos máis salientables é o que se foi desenvolvendo en Oseira da man de Olimpio Liste e Josefina Fernández dende o ano 1972, no que abría as súas portas o Museo Liste de Oseira. Dende aquela, e ata hoxendía, foron recuperando apeiros, ferramentas e outros materiais vencellados ós vellos oficios e ós traballos que se desenvolvían no mundo rural. En Oseira, nun edificio vencellado en tempos ó mosteiro e que logo foi desamortizado, foi medrando a que é na actualidade a colección etnográfica máis importante de Galicia e de alí naceron novos proxectos e iniciativas. Unha das máis destacadas é o museo etnográfico Liste de Vigo. Entre estes proxectos houbo un que marcou unha época no Museo Liste de Oseira e na investigación etnográfica en Galicia: a recuperación do besadoiro. Varias xugadas de bois O besadoiro era un arado de grandes dimensións e potencia cuxa memoria se perde nos tempos. Os promotores do Museo Liste e a súa filla, a profesora de Bellas Artes e investigadora Araceli Liste Fernández, botaron anos detrás dos materiais e os datos necesarios para recuperar o besadoiro. Non só se amosa como unha das pezas fundamentais do museo de Oseira este arado grande polo que turraban varias xugadas de bois para abrir a terra senón que se chegou a desenvolver un traballo de campo para demostrar o funcionamento do besadoiro. Froito desta iniciativa naceron un vídeo documental no que se recolle todo o relativo ó besadoiro e o seu funcionamento e a Deputación de Pontevedra editou, en 1988, a publicación El besadoiro y su ergología, de Araceli Liste Fernández, na que se recollen tódolos datos referidos a ese proxecto. Agora o besadoiro sairá de Oseira para amosarse, dende o día 13 de xullo, no Centro Comarcal do Carballiño. Nas instalacións ubicadas en O Cornuval poderase ver o besadoiro, proxectarase o material audiovisual recollido durante todo o proceso de recuperación deste gran arado desaparecido dos campos galegos hai moitas décadas e poderase acceder a toda a información sobre o proxecto desenvolvido polo Museo Liste.