As mortes en Cans no 1916

Cinco veciños foron asasinados loitando contra unhas taxas que consideraban inxustas


No Antroido do ano 1916 corría o rumor de que o Concello de Porto do Son acordara repartir entre os veciños uns arbitrios extraordinarios e o importante déficit que resultaba no imposto dese ano, e que ascendía a 9.381,71 pesetas así como unha nada desprezable cantidade de 5.259,35 pesetas correspondentes á primeira anualidade da moratoria que a Deputación Provincial d?A Coruña lle outorgara o 14 de xaneiro do ano anterior. Os ánimos entre as xentes estaban moi exaltados e tanto os afiliados á Liga Agraria de Nebra como La Protección Obrera de Porto do Son mantiñan reunións periódicas para informar da situación e acordar as medidas a tomar.

Os veciños protestaban porque non se lles informara debidamente e non puideran presentar reclamacións. A Liga Agraria, en sesión extraordinaria do día 2 de abril, acordara convocar os veciños para unha gran manifestación ao día seguinte. A concentración á que acudiran centos de persoas rematou ás portas do Concello, pero ningunha autoridade acudiu a recibilos. Si fixo acto de presenza a Garda Civil, que, por medio de tres parellas, procedería a disolver a manifestación con contundencia, facendo fuxir os manifestantes. Cinco veciños foron detidos e levados ao día seguinte ao xulgado de Noia onde quedaron presos.

A comezos do mes de maio, unha representación dos veciños foi entrevistarse co gobernador, quen desestimou a súa solicitude argumentando que a reclamación debera terse feito en tempo e forma. De volta d?A Coruña, a decepción foi xeral, manténdose dispostos a todo con tal de non pagar. Ese sentimento de rexeitamento onde máis se deixou sentir foi na parroquia de Nebra.

Algúns xornais anunciaban que a situación viraba tan tensa que de non cortarse a tempo remataría en traxedia.

O gobernador enviou telegramas con instrucións concretas ao alcalde e ao xefe da Garda Civil para que procedesen con toda a mesura necesaria. Para o día 12 estaba previsto que os cobros e embargos se realizasen en Nebra, comezando polo alcalde de barrio, Joaquín Sobrado Castelo, veciño de Cans.

Ao amencer dese fatídico día, saíron de Portosín 40 gardas civís, en formación, encabezados por dous tenentes e polo seu capitán, a cabalo. Os campesiños reunidos na Liga Agraria acordaran reunirse na ponte de Cans, alertados polo estourido dun foguete, e concentrándose ao toque reiterado dun corno, tratando de evitar os cobros e os embargos. Eran máis de trescentos, entre eles moitas mulleres que portaban paus e apeiros de labranza coma fouciños e gadañas.

Intercambio de pedras e tiros

Producido o encontro, o capitán solicitoulles aos labregos que se dispersaren, mentres que eles contestaron coa negativa a seren embargados. Un grupo de mulleres e un mozo adiantáronse ao grupo, comezando un intercambio de pedradas e disparos. Alí mesmo morreron un home e unha muller. Tralo enfrontamento, a Garda Civil retirouse a Portosín, mentres se socorría os feridos.

Tanto o alcalde, Severiano Martínez, coma Maillo, capitán da Garda Civil, escribiron senllos telegramas ao gobernador, en termos moi parecidos, para poñelo ao corrente do sucedido, cunhas versións que non corroboran os veciños. As dúas sociedades son pechadas, e os feitos serían silenciados polas autoridades.

O lamentable balance dos sucesos de Nebra saldouse definitivamente con cinco mortos (un home e catro mulleres), nove feridos graves (cinco homes e catro mulleres) e trinta persoas feridas leves por parte dos veciños de Nebra, mais outros dous, membros da garda Civil.

A gravidade dos feitos acontecidos na ponte de Cans chegarían ata o Parlamento e o Congreso onde se criticou con dureza aqueles sucesos, que agora ano tras ano son lembrados en Nebra para que non fiquen no esquecemento.

Aos pés de dous monólitos lémbranse os feitos cada 12 de outubro. FOTo SIMÓN BALVÍS

Newsletter Somosagro

Recibe todas las semanas la información más relevante del sector primario

Votación
9 votos

As mortes en Cans no 1916