José Antonio López, do tecor de Oza: «Se os que matamos os xabarís somos nós, non vemos lóxico pagar os danos nas colleitas»
AGRICULTURA
Critica un fallo que obriga os cazadores a abonar as producións que arrasan
25 ene 2026 . Actualizado a las 16:00 h.José Antonio López Santalla leva dende 2006 ao fronte do tecor de Oza, que integra a 201 cazadores. É un dos tres tecores que hai en Oza-Cesuras e está preocupado polas repercusións que terá a sentenza contra a sociedade de cazadores Caxigueiras (Taboada-Lugo), á que obrigan a pagar os danos ocasionados polos xabarís a un veciño que plantara maínzo nunha leira.
—Enfrontáronse no seu tecor a algo similar?
—Dende que eu estou de presidente xa tivemos dúas denuncias nas que nos pedían 25.000 euros por danos ao maínzo. Libramos porque ao final deron para atrás e quedaron en nada. Partindo da base de que o xabaril é unha praga e que recoñezo que é unha molestia para os produtores que sementan que un animal lles estrague todo, a nosa preocupación é polo fallo en Taboada, que obriga ao tecor a abonar os danos, ao redor duns 12.000 euros, e que vai sentar un precedente.
—Mais aínda cabe recurso.
—Ante o Supremo, pero é complexo. Se colles a temporada 2023-2024 en Galicia as cuadrillas de caza mataron 20.000 xabarís. Se as multas van para adiante e decidimos non matar xabarís que pasaría?
—20.000 máis?
—Non, porque as femias empreñan dúas veces o ano. Entón cantos serían? A lei di que os responsables son os tecores dos danos á agricultura, pero as normativas pódense cambiar. Os xabarís só teñen dous depredadores, o lobo, que come uns pouquiños, e nós. O que non nos parece lóxico é que sendo os únicos que matamos os xabarís, se fan dano nas colleitas o teñamos que pagar nós, sen ter culpa ningunha. É un animal salvaxe e nós non temos nada que ver con el.
—E entón?
—É como se nos obrigasen a pagar porque un raposo mata as pitas ceibas ou as vacas que comen os lobos. No tecor todos os anos bótanse coellos e perdices. Se tes un morteiro de leitugas e ceibamos os coellos ao lado e as comen, é normal que o teñamos que pagar, porque os botamos nós. Mais os xabarís non os botamos. Os únicos que se benefician de que haxa xabarís son, primeiro, a Administración, porque temos que pagar unha licenza, e a federación, á que tamén pagamos. A nós ninguén nos regala as escopetas nin as balas, e ir de caza non é gratis. Recoñezo que cando imos de caza movemos os animais salvaxes do seu hábitat natural, e se provocamos un accidente é lóxico que teñamos un seguro. Mais de que haxa xabarís non temos culpa. Todo o mundo pode ter unha licenza de caza e non por iso é responsable do que fagan os animais. Por que o que denunciou en Taboada non saca a licenza e mata todos os que queira? Nós agora non temos cotas de xabarís.
—Iso tamén cambiou.
—Antigamente antes de comezar a temporada dicíache que podías matar 50 machos e 20 femias, e nada de crías. Cando o problema comezou a ir a maiores permitíronnos matar os que queiramos: grandes, pequenos, medianos, cegos, coxos. Quen lle prohibe a ese señor coller unha escopeta e matalos el? Ah, pero é máis fácil que o paguen os cazadores!
—Notaron que hai máis xabarís?
—É unha cousa fóra do normal. Cada día mátanse máis e hai máis. O xabarís é un porco e antes as femias estaban en celo unha vez ao ano, en primavera co calor e a comida, pero agora entran dous o tres veces ao ano polos cambios de temperatura.
—Cal sería a solución?
—Tiña que haber unha reunión con alguén da Administración para solucionalo e buscar o xeito de financiar isto. Deberiamos xuntarnos cazadores, produtores e Administración e chegar a un consenso.
—Non sería un tema da federación?
—Non creo que o fagan. O único que fixo a Administración dende que foi o de Taboada foi remitirnos unha notificación de que a licenza por cinco anos vale 77, 83 euros. Agora custa moito menos. Un caramelo que nos queren dar para que esteamos calados, mais ninguén protestou polos prezos das licencias. Penso que o sacaron porque ven o que se lles vai vir enriba.
—A Xunta pon gaiolas. Pensa que pode ser unha solución?
—As estatísticas están aí. Cantos pillaron, non sei se 50, 100 ou 200, pois ata 20.000 que matamos nós... Que poñan as que queiran, ninguén lle prohibe poñelas.
—Entón cal vai ser a súa postura?
—Os cotos seguimos tirando porque non nos tocou desta, pero mañá pódenos tocar a nós. E de onde quitas os cartos para pagar? Se cadra hai cazadores que non van as batidas de xabaril e van ter que pagar os danos. Vai caer en todos. Cada coto na súa reunión anual vai ter que tratar este tema.
—Vostedes recibiron algún aviso trala sentenza?
—Un veciño xa me mandou un sábado de xaneiro, as oito menos dez da mañá, unha captura de pantalla coa condena dos de Taboada e ao día seguinte unha mensaxe que poñía: «Este ano pódese sementar millo con tranquilidade, xa hai quen abone a derrama». O aviso está claro, vou botar millo que o ides pagar vós. O problema non é pagarlle a un, senón que este caso senta precedente. Todos sabemos que a lei está así e haberá que buscar algunha alternativa.
—Os tecores entendo que non van a asumir eses pagos.
—O que pasará é que se entregarán, daranse de baixa. Tamén hai a solución de quitar algunhas fincas do tecor. O problema é que hoxe pode denunciar ese veciño e mañá outro. Se aos 2.000 euros que podemos ter de gasto por ir de caza lle hai que sumar outros 2.000 ou 3.000 para maínzo, a xente vaino deixar. Se o deixamos todos, a ver que fan. Hai pouco saíu un animalista dicindo que había que esterilizalos, pero quen os colle? O outro día tivemos problemas cun. Meteu aos fillos, que eran menores, con asubíos no medio dun coto ao que fun para espantar os animais. Menos mal que os viu un compañeiro e avisou pola emisora de que parásemos porque estaban os nenos. É non ter cabeza, xa non polo risco aos 15 rifles, senón porque andabamos detrás de catro xabarís que moveran os cans e puideron arrancar para onde estaban os nenos. Veu o pai e aínda tivo máis que dicirnos. Tes que loitar contra todo isto e agora tamén pagar.
