«Come a comarca» celebra este martes en TVG a súa gran final

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O equipo de chefs afeccionados e os de profesionais están empatados en número de vitorias

04 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Come a comarca chega á súa gran final. A última entrega da primeira temporada do reality gastronómico da TVG celebra esta noite, a partir das 22 horas, a súa derradeira batalla. O equipo do programa e os equipos das comarcas chegan empatados a número de vitorias, seis para cada un. O equipo de cociñeiros afeccionados foi quen de impoñerse ás comarcas da Terra Chá, O Salnés, Terra de Melide, O Barbanza, A Mariña e o Baixo Miño. Pola súa banda, os equipos de cociñeiros profesionais das comarcas de Bergantiños, Deza, Terra de Lemos, Fisterra, Terra de Trives e O Ribeiro gañaron os seus enfrontamentos. Polo tanto, logo de moita aprendizaxe, o equipo de afeccionados formado por Alejandro Rodríguez O Alcalde, María José Basanta, Ofelia Lema, Celia González e Iván Gómez pódese impoñer no cómputo xeral. O escenario para o enfrontamento non pode ser máis acaído. A Praza do Obradoiro, coa catedral de Santiago como testemuña, será o espazo no que se instalarán as cociñas do programa. Un capítulo cheo de sorpresas e emoción posto que haberá cociñeiros convidados e familiares presentes. O menú que se vai cociñar estará composto por vieira curada, xarrete guisado e coulant de tarta de Santiago. 

Alén Tarrío, do Pampín Bar, será o encargado de guiar aos concursantes pola gastronomía da comarca de Santiago. Estes irán ao restaurante Don Quijote, un clásico da cociña tradicional en Santiago de Compostela, para aprender a cociñar a vieira. En Ames os nosos concursantes van coñecer o proxecto Fisterra Bovine World, no que hai razas de vaca de todo o mundo. Para coñecer os trucos do cociñado do xarrete guisado visitarán o restaurante Cierto Blanco, en Teo. E por último, no restaurante Madia Leva, de Santiago de Compostela, aprenderán a facer un coulant do postre máis típico e internacional de Galicia: a tarta de Santiago.

Unha vez desvelados os segredos destas tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular que terá lugar no corazón de Compostela aos mellores cociñeiros da comarca: Manuel Neiro do restaurante AC/DC (Santiago), María Fernández do restaurante O Imprevisto (Boqueixón) e Juan Buchet do Petiscos Gastrobar (Bertamiráns). A súa habilidade nos fogóns e o veredicto dun xurado popular será quen decida que equipo se proclama vencedor do programa.