María José, concursante de «Come a comarca»: «Cociñar no Obradoiro foi un soño»

Mónica Pérez
Mónica Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

CESAR DOMINGUEZ CASTRO

Basanta repasa o seu paso polo programa ás portas da gran final do vindeiro martes

02 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A afección pola cociña a María José venlle de lonxe. Hai anos creou o seu propio blog, Laurel y canela, para por remedio a unha tempada de noites de insomnio. En Come a comarca demostrou sobradamente que o seu son as sobremesas, aínda que tamén outros pratos.

-Como foi o de concursar no «Come a comarca»?

-Foi unha cousa curiosa. Temos un grupo de chat entre varios amigos e un mandou unha captura do cásting. Ao principio non fixemos moito caso, pero volveuno a compartir e un dos que está en Vigo dixo: «pois eu preséntome se o fai tamén María José». E eu dixen «imos!». E foi así, presenteime e me colleron.

-A súa afección pola cociña non é nova.

-Empezou de moi, moi rapaciña, co meu pai, coas miñas tías. Na casa non se cociñaba moito porque meus pais traballaban fora e non había tempo, pero a min gustábame moito e cada vez que podía facía un biscoito, unha torta, que era o que máis me gustaba daquela. E co blog comecei dunha forma improvisada, nunha época de insomnio na miña vida. E lía moitos blogs de cociña, receitas... E un día fixeime que poñía: «facer un blog». E dinlle. Aí comecei a subir receitas para os meus amigos que sempre me pedían.

-No programa quedou demostrado que as sobremesas se lle dan moi ben.

-Si. Eu creo que cando fas algo que che gusta moito normalmente é porque tes certa habelencia para facelo e falo con moito cariño. Entón ao facelo con tantas gañas é difícil que non saia ben. As sobremesas foron deixándomas a min un pouco porque non a todo o mundo lle gusta a repostaría. Entendo que é un pouco complicado, ás veces é moi milimetrado, se non che dá tempo non queda ben. Pouco a pouco fun facendo as sobremesas e axudando noutros pratos. Era algo que acordamos.

-Ten algunha outra especializade na cociña?

-Gústame moito facer peixe, as cazolas de peixe con marisco fágoas moitísimo na casa, e sáenme bastante ben, ao igual que os asados no forno.

-Que é o mellor que leva do seu paso por «Come a comarca»?

-Levo moitísimas cousas boas, unha experiencia incrible, fantástica, un aprendizaxe grande, porque aínda que coñecía bastante a gastronomía no programa vese desde outro punto de vista. Vas cos produtores, cos gandeiros, cos agricultores.. esa parte do programa que gravabamos en exteriores, ver Galicia desde ese punto de vista, tan diversa, tan boa, cada un coa súa idiosincrasia. Cada zona ten os seus acentos, a súa forma de traballar, tamén de acollerte. Eu creo que Galicia niso gañou moitísimo co programa, que ofreceu unha visión tan boa do sector que nos mantén que é o sector primario. E despois os meus compañeiros, tanto os que se ven na tele como os que non: produción, vídeo, son, dirección... fixéronnos moi sinxelo todo o programa. Non éramos persoas que estiveramos afeitas a estar diante das cámaras. Ao primeiro estás moi nervioso e fixémolo todo ben porque era moi sinxelo con eles, moi bo humor. Daríalles as grazas a todos. Gustaríame nomear aos que están detrás das cámaras tamén, porque só se nos ve a nós pero iso non sería posible se os que están detrás non o fan ben, e non nos facilitan o traballo, porque ao non ser profesionais é un pouco difícil enfrontarte ás cámaras.

-Que lembranza leva para sempre do seu paso polo programa?

-Teño varias, pero un programa inesquecible foi o de Santiago (que se emitirá o vindeiro martes). Para min verme cociñando no Obradoiro, iso é como un soño. Mirar para atrás e vela catedral, e a miña nai... para min foi incrible. Ás veces penso que non foi real. Nunca pensei que puidera facer iso, foi espectacular.

Entrevistas a outros concursantes e ao presentador: