Roberto Cea predicou coa palabra e co exemplo
24 ene 2018 . Actualizado a las 11:31 h.Roberto Cea era de predicar coa palabra e co exemplo. E porque era de xustiza denunciar o abandono e o illamento que sufrían quen habitaban nos Ancares, o seu primeiro e único destino como sacerdote, así o fixo nunha misiva que, en 1968, dirixiu a un diario coruñés. «Mis feligreses viven en unas condiciones más parecidas a las de un campesino de la Edad Media que a las de un ciudadano del siglo XX», escribiu nesa carta, a raíz da que xurdiu o libro Os Ancares, a serra esquecida, do xornalista Enrique de Arce.
Da serra lucense desprazouse xente días atrás a Melide para despedir ao reverendo, ao que familiares, veciños, amigos e compañeiros, co bispo lucense Alfonso Carrasco á cabeza, lle deron un multitudinario adeus, reflexo do aprecio que, no seu periplo vital e profesional, sementou Cea, vicario primeiro, cura castrense -foi coronel na Marina- e, de xubilado, sacerdote de 13 parroquias.