Distintos colectivos, agrupados en Ute-pías Feministas, recaban a colaboración cidadá para artellar un traballo coral
13 ene 2026 . Actualizado a las 05:05 h.Feitoría Verde, Libraría Lila, Atalaias, Arabías e Illa Bufarda, baixo o nome colectivo de Ute-pías Feministas, comezan un proxecto de investigación para afondar e recoller o legado da polifacética Lola Ferreiro Díaz, ordense falecida en decembro do 2023. Esta iniciativa, chamada Saúde, pracer, república e terra malva, vén de ser recoñecida co premio Luisa Villalta a proxectos pola igualdade da Deputación coruñesa, e ten o dobre obxectivo de recoller e preservar a produción de Lola Ferreiro (nos ámbitos da memoria, da saúde, da educación, da sexualidade e da afectividade), así como a súa traxectoria vital a través dos vínculos, dos coidados e dos grupos que acompañou.
«A figura e o quefacer de Lola foron un motor fundamental para os activismos feministas e as loitas polos dereitos das mulleres na Galiza nas últimas décadas», explican as entidades promotoras como motivación do seu traballo. Engaden que Ferreiro Díaz era médica, educadora e activista, centrando o seu labor en achegar a visión de xénero en cada un deses ámbitos: «Desenvolveu guías, escribiu artigos e investigacións, acompañou a persoas e institucións, favoreceu a construción de estruturas públicas que sustentaron a necesidade de mellorar a atención sanitaria e educativa. Participou en xornadas, encontros e acompañamentos grupais e individuais», expoñen dende Ute-pías Feministas.
Participación cidadá
Os colectivos que a integran inician o seu traballo en común, cun proxecto en fase de recollida de material e información, polo que fan un chamamento á cidadanía a aportar fotografías, documentos, textos, testemuños e lembranzas persoais que axuden a construír un retrato coral de Lola. Para colaborar e pedir información pódese contactar en narepublicamalvaconlola@gmail.com.