O rock galego, do garaxe á Quintana

CARLOS REY, B.C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Ana Garcia

Familia Caamagno e Terbutalina tocarán mañá no corazón de Compostela xunto a Caxade, Cró! e Malandrómeda, aínda que hai anos non o crían posible

20 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Comparten local en Sigüeiro, onde combinan os ensaios (de cando en vez) con partidos de fútbol na Playstation. Hai cinco anos nin Samuel nin Lano, baixistas de Terbutalina e de Familia Caamagno, respectivamente, se imaxinaban compartindo escenario nunha das prazas máis emblemáticas de Compostela. O que non era máis que unha fantasía que lles viña á cabeza ao pasar por alí vaise converter mañá en realidade: actuarán no marco das Festas do Apóstolo xunto a Caxade, Cró! e Malandrómeda. «O único que sabemos é que vai ser unha festa», coinciden en sinalar os dous baixistas. «Os do baixo facemos as entrevistas porque somos os únicos cun pouco de cabeciña», bromea Samuel, de Terbutalina.

A noite abrirá co folk de Caxade, que será logo sucedido polo rock experimental de Cró! O rap vangardista de Malandrómeda pechará a velada. Entre medias chegarán as propostas de Familia Caamagno e Terbutalina que, facendo música «de garaxe», van dar o salto ás grandes prazas. «É unha boísima oportunidade para darse a coñecer e para amosar o nivel da música en galego», afirma Lano, de Familia Caamagno.

Oferta musical transversal

O que está claro é que mañá haberá música para tódolos gustos, cun único denominador común: son de Galicia e cantan en galego. «A mellor forma de normalizar unha lingua é falándoa con normalidade, non reivindicándoa continuamente», manifesta Lano. As dúas bandas xiraron xa por España e non atoparon ningún problema por empregar a súa lingua. «De feito, a xente cantaba cancións nosas en Madrid, Valencia e mesmo en Estremadura», apunta Samuel.

Comezaron practicamente xuntos (o segundo concerto de Familia Caamagno foi xunto a Terbutalina) e veñen de sacar disco este ano, que ambos ofrecen gratuitamente na rede. A irmandade é tal que uns non descartan facer unha aparición no concerto dos outros. Non se complican a vida: Familia Caamagno vai «facer que a xente baile e o pase ben», mentres que Terbutalina prometen tocar as mesmas cancións que cando teñen hora e media, «só que máis rápido» e ata que os boten do escenario.

O que parece claro é que non rematarán o concerto pensando que Non saio máis, canción de Familia Caamagno, nin que Se o sei non volvo, de Terbutalina.