«Os veciños poderán coñecer o novo Plan Xeral en setembro»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

O rexedor recoñece que malia gobernar por sexta vez o resultado do 22-M emocionouno máis do que agardaba

25 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Do mesmo xeito que compañeiros da comarca, o popular Adolfo Gacio segue a sumar mandatos e sempre con maioría absoluta. Vai na sexto e recoñece que cando veu que o PP volvía a subir en votos emocionouse case como o primeiro día.

-O 22-M trouxo cambios en Santiago, Ames e Vedra. ¿Que pode supoñer que a Mancomunidade sexa máis azul que vermella?

-Eu non creo que haxa cor política nas decisións da Mancomunidade. Todos defendemos un organismo importante que nestes anos non trouxo inversións que se poderían conseguir como se fixo coa Deputación. Agora de dous alcaldes do PP pasamos a ter cinco. Queda Brión do PSOE e Teo do BNG, pero penso que iso non inflúe porque eu ben en sei da defensa do municipalismo que fan os seus alcaldes. E nesa liña imos estar todos, defendendo aos cidadáns e aproveitando este último tren que nos vai a pasar para conseguir fondos europeos.

-Nun momento no que os concellos están aprobando os salarios do alcaldes. ¿Cal vai a ser o seu nivel de dedicación?

-Aínda non o teño decidido. A gran dúbida que teño é se aceptar a dedicación exclusiva, e de aceptala sería co mesmo salario que no meu traballo no ensino de secundaria. Pero despois de escoitar as declaracións do noso presidente teño dúbidas. Ogallá se organice dunha vez por todas e no meu caso se ese salario é inferior regresarei á miña profesión. Eu teño unha familia e responsabilidades.

-Con dedicación exclusiva ou sen ela, ¿cales van a ser as súas primeiras xestións?

-O Plan Xeral. Temos previsto envialo antes do día 1 a Medio Ambiente e despois chegará a exposición pública. O noso cálculo e que os veciños poidan coñecelo en setembro para facer alegacións, e despois iremos como unha locomotora para aprobalo o máis pronto posible. Xa esperamos moito, aínda que neste momento non hai presión urbanística ningunha. Boqueixón é un concello residencial e queremos que manteña esta filosofía.

-Falando de locomotoras. Pepe Blanco vén de facer un percorrido co AVE no treito de Boqueixón. ¿Como ve este tipo de infraestruturas, co impacto que deixa no seu concello?

-Por suposto, eu non recibín a invitación para subir ao AVE. É unha cousa importante para Galicia, que nos achega ao centro dou poder. Eu pídolle desculpas aos veciños, non porque me sinta responsable, senón porque ninguén llas deu. Agora, no Concello estamos atendendo máis as parroquias que tiveron maior impacto.

Adolfo gacio vázquez alcalde de boqueixón (PP)