«O ritmo é a base que move o noso mundo»

María Lorenzo

SANTIAGO

Odaiko estrea hoxe na Capitol o seu novo espectáculo de percusión, que definen como «cen por cen galego»

17 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Abríndose paso a sonoros golpes, o grupo de percusión Odaiko confórmase hoxe coma un dos máis destacados do panorama musical galego. Dende o inicio no que tomaron o seu nome dos tambores tradicionais xaponeses, pasaron xa por diferentes escenarios de Estados Unidos, África, Asia e Europa, para exportar os sons latentes dun ritmo novo e fusionado. Ton Risco, Juan Collazo, Roberto Oliveira e Antonio Ocampo, presentan hoxe na Sala Capitol o seu novo proxecto Galician on Board .

-¿Como naceu o grupo?

-Coincidimos en Holanda, para estudar música hai uns anos e alí xurdiu a idea de xuntarnos e comezar a tocar. Primeiro fomos un dúo, logo un trío e, dende hai dous anos, fomos os catro de Odaiko.

-¿En que consiste o espectáculo que presentan en Santiago?

-O proxecto ten dous factores clave: o galego e o ritmo. É un espectáculo cen por cen galego que repasa a historia da percusión mesturando diferentes tipos sons con percusión. Ademais é moi visual, porque incluímos proxeccións audiovisuais e efectos técnicos que o fan máis completo. A música e a percusión son clave, pero non son únicos.

-¿De que bases parten?

-Dos estudios de música clásica tradicionais, pero sería un erro pensar que o que facemos é clásico. Recollemos aspectos dese mundo e remodelámolos. Tamén estamos moi influídos polos grupos tradicionais de percusión de África, China, India ou América Latina e outros estilos como o jazz ou a danza.

-Pero a base segue a ser o ritmo, ¿non?

-Si, con este espectáculo quixemos amosar que calquera secuencia de ritmos é axeitada para mover ao público, porque é o ritmo o que move o noso mundo. A fusión axuda a dar matices diferentes, pero o ritmo é sempre a base.

-¿Tedes programadas próximas actuacións?

-Si, en xuño tocaremos nun festival en Ourense e logo en Badaxoz, pero o máis relevante polo de agora é quizais o festival de percusión que se celebrará en maio en Taipei, no que seremos o único grupo español.

-¿Como levan a responsabilidade de ter que representar á percusión española en Taiwán?

-Con nervios e presión, pero tamén estamos orgullosos de ser os encargados de representar a España e en parte a Europa, porque só seremos dous grupos europeos. Ademais, é unha oportunidade de exportar algo galego fóra das nosas fronteiras.

-¿Cre que é complicado saír hoxe adiante no panorama musical galego?

-Sempre é complicado veñas de onde veñas, pero no mundo musical e co tipo de espectáculo que nós ofrecemos, a tarefa duplícase, tanto polo esforzo que require, como polo alto custe que supón sacar adiante unha actuación deste tipo.