VAI POR AÍ NA FIN DE SEMANA Salif Keita, un impulsor do afropop e a voz libre e heterodoxa de África

La Voz

SANTIAGO

30 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Que a música para un africano signifique algo diferente que para un europeo pode ser un asunto de oído ou de tradición cultural. O éxito, sen embargo, que teñen en Europa as propostas desto que agora se chama World Music ou música de raíz indica que desde o punto de vista de escoitar os europeos aínda non perdemos de todo o sentido musical. A despedida por este ano do ciclo Sons da diversidade ten a Salíf Keita como protagonista. Para o asunto dos xéneros, algunhas etiquetas sinalan a este cantante de Mali como campeón do afropop, un termo que igual vale para unha cousa que para outra e que quizais aparte á súa música do tradicional e do enxebre. A figura de Keita foi cobrando dimensión nos últimos anos, non só como intérprete, senón como produtor dalgunhas correntes musicais de música africana desde as que están emerxendo músicos novos. Keita aproveita a súa presenza en Compostela para presentar o seu máis recente disco M'Bemba , disco de madurez e de matices con influencias variadas sen perder de vista a evidencia da música. Retorno ás raíces A evolución deste músico significa un certo retorno ás raíces, quizais acompañado por un xiro vital que o leva a residir máis tempo no seu país natal e menos noutros países, como é o caso de Francia onde residiu cerca de 20 anos, nos suburbios parisinos. Como a música debe ter un carácter liberador, Salif Keita asegura que a música é o petróleo de África e que é necesario que as autoridades entendan que é un argumento que hai que cuidar, alimentar e dar a coñecer. O outro asunto para entender a particular forma de facer música de Keita é a súa formación non tradicional. Na súa familia non había músicos e, cando novo, Keita foi apredendo e tocando nas cidades do seu país. Desta forma de proceder resultou unha música menos dependente das ortodoxias tradicionais e máis dispostas a incorporar sonoridades e formas de tocar que, en calquera outro caso, serían tomadas como heterodoxias difíciles de admitir. Os outros dous asuntos de influencia teñen que ver con súa particular situción. Keita naceu albino e esta circunstancia despertou resquemores superticiosos na sociedade de Mali. Pero ademais o músico procedía dunha familia de liñaxe, o que quere decir que non estaba ben mirado que se adicase á música. Salif Keita responde, polo tanto, a unha forma de facer música que, sen distanciarse das raíces africanas, se permite moitas incorporacións. Esa capacidade está subliñada pola voz particular e difícil de imitar deste cantante que asegura ser atento e emocianado seguidor de Camarón de la Isla por máis de non entender o que di. Para completar o retrato, Salif Keita ademais de promover a música africana, fundou nos anos noventa unha organización de axuda para promover proxectos no seu país.