Os asistentes ao certame Xuventude Galicia Net poderán aprender a personalizar o seu ordenador a través dun obradoiro
30 abr 2012 . Actualizado a las 20:18 h.A arte de «tunear» a computadora gaña adeptos a cada temporada que pasa e, por iso, as actividades relacionadas con esta aficción acostuman a reter a atención dos visitantes ao certame Xuventude Galicia Net. A cita, que arranca de novo este venres no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, reserva varios obradoiros e unha competición ao «Modding», temática consistente en modificar, de forma estética ou funcional, os ordenadores. Os seguidores desta disciplina acostuman a personalizar as súas computadoras ou consolas, engadindo e modificando ou seus compoñentes ata acadar unha certa espectacularidade no deseño.
Co obxectivo de que os participantes na cita compostelana se poidan achegar a esta tendencia, a party informática inclúe charlas, obradoiros e exhibicións sobre a mesma. E, para probar a destreza dos xa iniciados nesta arte, programa por primeira vez o «Torneo nacional de modding: Premio Xuventude.net», unha proba puntuable para unha competición nacional, a «Future Modding Tournament».
Os participantes mediranse en dúas categorías: na de Casemod (caixa modificada) na que deberán transformar unha CPU xa existente e na da Casecon (construción dunha caixa) na que deberán construíla e deseñala dende cero.