Primeira comuñón

Elvira Sánchez Barreiro

AL SOL

Elvira Sánchez Barreiro. 19 anos. Estudante. Curtis

10 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Recordo o día, certamente venturoso, en que recibín a miña primeira comuñón. Aquela mesma mañá, mentres se estaban a preparar, meu tío Faustino matara á miña tía, mais unha celebración de tal importancia non podía ser cancelada por ese pequeno imprevisto, polo que meu tío acudiu á misa e ao ágape igualmente. Tralo convite foi arrestado pola policía.

No tan sinalado día, contaba eu xa con catorce anos, posto que repetira un par de veces os cursos de catequese; pese a nacer desprovista das calidades da concentración e o esforzo, fun obrigada a recitar todos os rezos de memoria. Celebrouse un masivo banquete, pois meus pais levaban vinte anos aforrando para o excelso evento.

Ese día coñecín a Rasputtina. Traballaba recollendo o viño e a champaña que quedaban nas copas abandonadas polos comensais para reencher as correspondentes botellas e servilas de novo. Era unha moza provinte dunha familia burguesa moi tradicional, que por homosexual e atea fora expulsada da súa casa e se vía obrigada a traballar catorce horas ao día para custearse o seu frugal estilo de vida.

Atopábame eu recibindo os inflados sobres que a miña familia me tendía, cando sorprendín a Rasputtina debaixo da mesa realizando o seu labor coas copas que se pousaban na mesa mentres se me obsequiaba. Pregunteille que facía roubando a champaña que meus pais sufragaran con tan ímprobos esforzos, ao que me respondeu «política da casa». Chegou meu tío, con manchas de sangue no frac, a entregarme o sobre ao seu nome e o da defunta cónxuxe. Agradecinllo moi efusivamente e procedín a pasarlle disimuladamente uns billetes a Rasputtina por debaixo do mantel.

-Non quero as túas esmolas, pastrana.

-Non son esmolas, é para que lisques e deixes a champaña en paz.

-Se tal fago, bótanme.

Conmovida, aparteime con ela cara a un recuncho, onde lle propuxen cambiar a súa vida pola miña, a dunha adolescente heterosexual de clase media falta de alicientes intelectuais á que aínda lle quedaban tres cursos da ESO por facer. Respondeume que non desexaba en absoluto levar a miña merda de vida. Hei de dicir que o día en que coñecín a Rasputtina, o da miña primeira comuñón, foi tamén o día en que comecei a admirala.