Cun crecemento exponencial, este sábado día 10, e ata o día 18, Bueu volverase capital de curtas e de cine
08 sep 2016 . Actualizado a las 05:10 h.A punto de cumprir unha década, o festival de cine internacional FICBueu chegará este sábado para abrir unha ventá cara ese cine local e internacional de calidade, moitas veces vetado ao gran público. En estado de graza e cunha programación máis ambiciosa que nunca, Manuel Pena, director do festival, afonda nas novidades e os sentimentos que ocupan esta nova edición, na que recibiron máis de 1.400 curtametraxes de case un centenar de países.
-Ilusión e gañas, ¿son as palabras que definirían o afrontar un novo FICBueu?
-E tamén un pouco de incertidume -rí-. Este é un ano de moitísimos cambios e hai que estar pendentes de como vai resultar. Estamos á expectativa de comprobar como funciona e como o recibe a xente. Son moitos meses de traballo que temos ganas xa de ver o resultado.
-¿Que cambios destacaría vostede como grandes novidades deste ano?
-Sen dúbida o volume da programación. Falamos dun cartel extensísimo. Pasamos a ter 60 curtas, ademais dunha gran cantidade de actividades moi diversas.
-Sen dubida é un subidón de adrenalina, de calidade de arte...
-E de traballo tamén (rí).
-Tendo iso en conta, ¿como o senten a nivel persoal?
-Imaxino que se fai un tempo me puxeran o programa diante quedaría alucinado co conseguido. Despois dun ano traballando arreo, e ir vendo como medraba todo pouco a pouco, día a día, pois non notamos un cambio moi brusco. Pero se o comparamos vivimos un salto brutal. Onde antes eramos dúas persoas agora somos seis. De aí a idea de ofrecer apuntamentos de voluntariado, para todo aquel que quixera botar unha man.
-É interesante ver como o FICBueu nace nun Concello pequeno, cabe lembrar que a cidade de Pontevedra, ata hai un ano, carecía dun festival de cine.
-É unha das cousas chamativas. Somos un festival internacional pequeno pero podemos asegurar que a calidade coa que contaremos é de primeiro nivel mundial a nivel de curtas. Hai que velo con perspectiva. Temos a sorte de contar co apoio da xente, dos veciños da zona e crear un ambiente familiar único.
-¿Será difícil crecer no futuro?
-Non é a primeira vez que o pensamos, de parar un pouco porque se non para o ano non haberá que facer. Bromas aparte, sempre hai marxe de mellora. Non pode medrar en certos aspectos, pero sempre se pode mellorar, e contar con actividades de maior repercusión internacional ou similar.
-A integración do festival en Bueu é un feito.
-É un festival que quere chegar á xente e estamos orgullosos de conseguilo.