Xosé Ballesteros, director de Kalandraka: «Pódese chegar aos lectores hispanoamericanos dende Pontevedra»
PONTEVEDRA
A editorial conmemora os seus vinte e cinco anos de existencia e saca adiante un novo selo, Cuatro lunas
19 abr 2023 . Actualizado a las 10:36 h.Este mes de abril está a ser moi especial no seno da editorial pontevedresa Kalandraka, tal e como recoñece o seu director e cofundador, Xosé Ballesteros. «Hai vinte e cinco anos decidimos comezar co proxecto aproveitando a data, porque as datas tamén son símbolos, do 2 de abril, Día Internacional do Libro, pero tamén é a efeméride da creación da librería de Vigo, Libros para soñar, que a inauguramos un 23 de abril», apunta ao respecto.
—E o celebran cun novo selo literario, Cuatro lunas.
—Aproveitando estes vinte e cinco anos, que tamén son un símbolo, decidimos iniciar esta nova andaina. Xa somos maiores e, sobre todo, os nosos lectores. Curiosamente, a última incorporación a equipa de Kalandraka ten 25 anos. Naceu cando naceu Kalandraka. E hai que ler outras cousas.
—Que imos atopar neste selo?
—Libros que van intentar acompañar a eses lectores que xa teñen máis de 20 ou 25 anos. Hai algo que nos interesa moitísimo, recuperar algunhas obras e incorporar novas que teñan un eixo de partida, preservar a memoria. Está a suceder algo coas novas xeracións que nos chama a atención. Nunha sociedade na que hai tanta información e, ás veces, tanto ruído, hai cousas esenciais que se perden nese barullo. Hai vinte e cinco años estábanse a celebrar o cuarto de século do golpe de Estado de Chile. Cando a algunha xente nova lle falas diso ou lle falas de Víctor Jara ou de Amanda non saben de que lles estás a falar. Pero xa poñéndonos máis preto, tampouco saben quen foi José Afonso. Oen falar do 25 de abril de Portugal, pero non saben quen está detrás do Grândola, vila morena.
—Isto explica a elección das primeiras publicacións?
—Disto hai que falar e de aí que esteamos publicando nesta primeira entrega libros como Pisaremos las calles nuevamente, de Vivian Lavín, ou Cardumen, de Rexina Vega, quen, por certo, é profesora aquí en Pontevedra, ou o libro de Canciones, de Lorca, que segue a ser un poeta coñecido, pero, ás veces, non tan lido. E xa voltando a unha realidade máis cercana, xente nova que está a escribir de cousas que sucederon no pasado, como Brais Lamela, que en No queda nadie fala das colonias franquistas nos vales de Lugo. Isto de partida, pero logo viran outras moitas cousas, como unha das obras menos coñecidas de Torrente Ballester, pero máis actuais, ou publicaremos inéditos de Bernardo Atxaga, ou autores galegos, caso de Manuel Rivas ou Olga Novo.
—Vexo que se trata dunha selección de autores clásicos xunto con contemporáneos, pero como se fai a selección?
—Faise, por un lado, procurando esas obras que coñecemos e que se publicaron no seu día, como é o caso de Torrente Ballester, ou estar moi atentos ao que se está a publicar agora mesmo, por exemplo, en Latinoamérica. Temos contratado a autoras como Flor Canosa, dende Arxentina, Beatriz García-Huidobro, de Chile…
—E todo en castelán?
—Todo en castelán porque queremos mostrar que para que os autores, por exemplo, galegos cheguen, non só aos lectores de España senón de Latinoamérica, xa non é necesario pasar por unha editorial de Madrid ou de Barcelona. Tamén se pode chegar aos lectores hispanoamericanos ou latinoamericanos dende Pontevedra.
—Botando a vista atrás, imaxinabades hai un cuarto de século chegar a este punto?
—Non, cando un comeza un proxecto non sabe onde vai chegar. O noso obxectivo era simplemente crear un selo en lingua galega para atender aquel espazo valerio que pensábamos que existía e que realmente existía. Inmediatamente tivemos o apoio do profesorado máis renovador, das bibliotecas, das librarías e, sobre todo, dos pais e das nais que agradecían que houbera en galego libros tan fermosos como os de Sendak, por poñer un exemplo. O noso proxecto, ademais de facer os libros que facemos, foi conseguir unha equipa de persoas que puideran estar en sintonía para gozar do traballo e iso notase.
—Teño a percepción de que nunca hou tanta oferta cultural en galego como agora, pero, ao memos tempo, pérdense falantes…
—Hai unha cousa que se chaman políticas lingüísticas. Algo que se estuda moito en lingüística son os conflitos entre a lingua A, dominante, e a lingua B e logo tambén hai algo que se chamaba o autoodio, a vergoña, o pensar que o galego era a lingua da aldea… O exemplo típico duns avos que entre eles falan galego, pero se dirixen aos fillos en castelán e moitas veces, menos mal, os pais volven a recuperar a lingua e falanlles en galego aos fillos ou, cando menos, danlle de ler en galego. Isto só ten unha solución, aplicar políticas lingüísticas para favorecer o irmán pequeno… Máis que pequeno, enfermo. Hai que cuidar a lingua coma un xardín. Se se perden falantes, perderanse lectores. Xa podemos facer os libros máis bonitos, porque este é un país onde hai talento, que se se perden falantes, perderanse lectores.
—Que retos ten Kalandraka por diante?
—Este de Cuatro lunas é o proximo. Pode parecer moi ambicioso, pero non o é porque, sempre digo medio en broma, medio en serio, levamos vinte e cinco anos facendo o dificil, que é facer libros para nenos, pois agora tamé podemos facer o fácil, que é libros para eses nenos que xa medraron. O reto é pensar no próximo ciclo. Algúns de nós empezamos a ter unha idade como para pensar no recambio e, como empresa, o noso reto é o recambio, seguir coa seguinte xeración e, como proxecto editorial, seguir facendo os libros que sabemos facer tendo en conta que para nós o principal é o respecto aos nosos lectores. Temos que seguir facendo libros que emocionen, divirtan e sorprendan.