«Aínda son moi mozo para ser un fillo predilecto dun pobo»

XINZO DE LIMIA

SANTI M. AMIL

Entrevista | Antón Riveiro Coello A corporación municipal do concello onde naceu a súa nai vai agasallar esta tarde ao autor dos relatos que diron a coñecer a Tosende e ás terras veciñas no eido da Cultura

03 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

A tarde de hoxe é festiva no Concello de Baltar e, de xeito especial, para un escritor que garda moitas lembranzas daquelas terras, onde pasou moitos veráns. Antón Riveiro Coello vai recibir hoxe unha sinxela pero emotiva homenaxe dos veciños da súa nai e dos seus abós e para el representa un agasallo moi valioso, porque non é unha práctica cotidián que un home de apenas corenta anos se convirta en fillo predilecto de calqueira demarcación territorial. -¿Cales son as sensacións que sinte poucas horas antes de recibir o recoñecemento do Concello de Baltar? -Para min é a mostra dun cariño importante, aínda son moi mozo para ser fillo predilecto dun pobo e recibir este tipo de distincións, que ademáis cobran máis valor por tratarse dun pobo do cal non son natural, se ben de Tosende provén toda a liña materna da miña familia e si que estou moi identificado con estas terras, como se reflicte na miña obra. De tódolos xeitos é un orgullo moi grande. -Supoñemos que o contacto con ese pobo será continuado. -O certo é que vou bastante por alí, aínda que os meus abós xa viven cos meus pais e non están no pobo, pero Tosende foi unha referencia no meu traballo, alí se desenvolve unha das miñas últimas novelas e outra tamén tivo como escenario o Couto Mixto, pero sobre todo creo que o que máis me une a estas terras é a lingua, esa lingua dos pobos raianos que ten a súa identidade moi marcada. -¿Tamén están baseados os seus escritos en experiencias persoais? -Nun certo modo, así é; en realidade teño dividida a miña alma entre Xinzo onde me criei, onde me formei e onde pasei boa parte da miña vida, mentres que nos veráns pasaba moito máis tempo en Tosende. Nesa época están inspiradas moitas das historias que despois se reflicten nos libros. -¿Ten algún proxecto especial no que está traballando con vistas aos vindeiros meses? -De xeito máis inmediato estou traballando en dous, que tamén están moi relacionados coa Limia. Por unha banda, espero entregar a principios do vindeiro ano un libro de relatos curtos, que se titulará con toda probabilidade Casas Baratas, porque así se chama o barrio onde me criei en Xinzo. Son historias relacionadas coa vida na vila durante aqueles anos. Pero ao mesmo tempo tamén estou moi ilusionado cun poemario que vai publicar unha das asociacións locais, o Centro da Cultura Popular da Limia. Con eles xa teño colaborado como veciño e aplaudo a súa iniciativa coa revista Lethes. -¿Está moi avanzado este conxunto de poemas? -Si, creo que tamén o poderei entregar pronto ese traballo, en principio está previsto que se titule Limaiaé, noutra crara referencia ás terras da Limia e aos seus costumes.