Laura Lorenzo: «O viño feito en Manzaneda bébese por todo o mundo»

MANZANEDA

ÁXEL NÚÑEZ

Esta enóloga alaricana creou, no 2014, Daterra Viticultores, un proxecto de recuperación de viñedos co que agora produce entre 35.000 e 40.000 botellas de 15 viños diferentes, de selo propio e elaboración artesanal, que comercializa de Estados Unidos a Canadá, Australia, Europa e España

16 ene 2022 . Actualizado a las 21:15 h.

Nunha clase de Lingua Galega en 4.º da ESO tivo que facer un exercicio sobre o significado da palabra enoloxía, «a ciencia que estuda a elaboración do viño», da que Laura Lorenzo Domínguez (Allariz, 39 anos) nunca oíra falar. Gustoulle. Despois veu unha película sobre a produción de café, coa súa nai, e outro día atopou no xornal unha relación de novas profesións, entre elas a de enóloga. «Descubrín que había un ciclo formativo no IES de Ponteareas, recomendáronmo, e fixen o medio e o superior. O primeiro ano non entendía nada, era xente moi maior e de familia con adega, eu nunca vira unha», recoñece. Pouco a pouco foise familiarizando co termo . «Traballei moito e tamén fun tendo sorte pola xente que entrou formar parte da miña vida», engade esta enóloga, que no 2014 puxo en marcha o seu propio proxecto, Daterra Viticultores, logo de curtirse durante unha década na adega Dominio do Bibei. Hoxe, os seus viños bébense en todo o mundo.

—Como empezou?

—Tiven a sorte de caer nunha adega cunha filosofía diferente á das grandes (as que máis se potenciaron en España, máis baseadas na cantidade), nun momento no que en Galicia e España estaban xurdindo pequenos proxectos artesáns, algo que xa levaba anos en Francia ou Italia. Hoxe hai moitos coma o meu. Todo é necesario e todo ten o seu mercado, pero cando vin aquelas adegas grandes medio me afogaba e empecei a dubidar. Pero fun parar a Dominio do Bibei, en Manzaneda, xente que tiña aquí as súas orixes, que rehabilitara bancais abandonados desde había moito tempo. Buscaban a alguén sen manías... Tiña 23 anos, suei para encontrar esta pequena aldea.

—Que traballo facía?

—Encargábame da elaboración dos viños. Aprendín moito, un enfoque novo, con profesionais doutros lugares, e aí descubrín Manzaneda e namoreime deste lugar para a produción de viño. Alí, a poboación foi diminuíndo, pola emigración, e envellecendo, e non hai relevo xeracional. Eses viñedos tan vellos, que son patrimonio histórico, ían quedando abandonados. E logo de dez anos en Dominio do Bibei (o río que separa o límite occidental da Ribeira Sacra de Valdeorras) empecei a alugar viñas, e despois comprei.

—E creou Daterra Viticultores.

—Daterra, en agradecemento a todas esas persoas que a historia fixo que tiveran que emigrar, na ditadura, cando non se podía exportar, e facían viño para autoconsumo. Non é fácil acceder a esas terras se non é por herdanza. Non foi premeditado, senón casual. Calculando con números non o faría. O viñedo, se se deixa de podar e coidar, pérdese. Empecei podándolles as viñas, e ao ver que era coma eles, unha veciña, non unha empresaria, fóronme vendendo. É un traballo moi físico, era moi nova e pensaba que sempre ía ter esa enerxía. Agora xa empeza a baixar. Non é fácil, pero é posible; se queres, conséguelo. Non me arrepinto, podes gañar máis cartos e máis comodamente doutro xeito, pero fágoo porque creo niso. Son cepas centenarias que falan da historia do noso país e da de cada familia.

—Cando foi a primeira colleita?

—No 2014. Foi posible grazas a esas persoas que che alugan o viñedo e porque medio pobo veu vendimar porque ía chover e ía ser un desastre, e porque outra persoa, Benigno Pereira, abrira unha adega en Pobra de Trives. Estreeilla eu. Despois xa conseguín unha en Manzaneda. E desde o principio tiven moita sorte porque me viñeron comprar o viño antes de telo feito, cando unha adega tarda, normalmente, oito ou dez anos en facerse coñecida.

—Non pode ser todo a sorte...

—Esforceime moito, fixen unha aposta que tiña todas as papeletas de non ir adiante, pero sempre atopo persoas que me facilitan o camiño, distribuidores que empatizan e queren que sexas posible, quen aluga as viñas e che di ‘tira adiante'. Tiven a sorte de coñecer o enfoque dun catalán, un francés, un sudafricano... vían posible facer viño nun garaxe, cun mínimo investimento (aquí as adegas eran máis ostentosas), porque o importante era a calidade do viño e do viñedo.

E hoxe vende en medio mundo.

—Andamos entre 35.000 e 40.000 botellas ao ano, e se vén malo, 30.000. Bébese en Estados Unidos, Canadá, Australia, en toda Europa, en case todas as comunidades autónomas de España...

«Os homes maiores víanme traballar moito e foi así como gañei o seu respecto» 

«As mulleres seguimos a telo máis difícil. Hai que gañar o respecto e hai que sachar para mantelo, pero é posible. Os homes maiores víanme traballar moito e foi así como o gañei. Aquí, a viña era traballo de homes, ás veces era a única muller no bar [...]. Son dunha xeración que sacrificou a maternidade. Profesionalmente non podes parar e os fillos necesitan á nai», reflexiona. O traballo duro e a paixón explican o resultado.

—Produce 15 viños diferentes.

—Son viños con sentido de orixe, non certificados por ninguén. Os viños das nosas viñas (en propiedade) chámanse Gavela, elaborados con viñas vellas de palomino (variedade da que os galegos sentiamos vergoña, tiñamos complexo no resto do mundo porque é a do xerez de Andalucía). Os tintos da ribeira do Bibei son Azos (de Vila, os de Manzaneda; do Pobo, os de Soutipedre; de Paraxe de Val de Rodrigo; Agarde, dunha única viña...). Os brancos son Erea de Vila. Por que, estando todos en Manzaneda? Porque vin que os franceses, en vez de vender viños, vendían pobos, sitios concretos, e quero que o mundo aprenda os nomes destes lugares de Manzaneda.

—E tamén doutras zonas.

—Os viños que son froito das viñas doutros viticultores (da Ribeira Sacra) cos que establecín relación chámanse Portela do Vento (tintos e brancos); e os elaborados con uvas de Arribes del Duero, en Zamora, levan ese nome. É unha zona que se estaba abandonada, coma aquí.

—Viños que gustan...

—Tiven a sorte de que os que beben o viño están moito máis loucos ca min, son apaixonados. Xente que busca algo distinto, artesán, e segue a túa traxectoria, que comezou en Dominio do Bibei.

—Sen o amparo de ningunha denominación de orixe (D. O.).

—Ao ser un proxecto tan peculiar... tiven acceso a viñedo de múltiples variedades que eran para autoconsumo e non se modernizaron, algunhas moi antigas. Non traballo con ningunha D. O., teñen unha normativa que acaba invisibilizando a orixe [...]. Os viños saben diferente cada ano, pero gardan un nexo. Cada viña ten unha coherencia a través dos anos, un viño natural fala cando o estás bebendo.

El detalle

Paixóns que moven montañas

«Non me arrepinto de nada, houbo momentos marabillosos. A paixón e o romanticismo fan mover montañas. Gústame moito o que fago, e o único que pretendo é vivir normal, e aínda non o conseguín, poder delegar. Non quero ser rica, pero si que me deixe un pouco máis de tempo para poderme afastar e velo con perspectiva», razoa Laura Lorenzo. Conseguiu vivir en Manzaneda e do viño (agora traballan con ela dous rapaces novos de alí), e igual que buscou viñas e relacións con viticultores doutras zonas, gustaríalle «diversificar a actividade, co turismo, outros produtos...». Soña con que se asente máis xente na aldea. «Non quedan moitas zonas vitícolas onde calquera poida acceder á terra, aquí producir é caro porque está na montaña, son cepas vellas e solos pobres, pero gustoume apostar por un lugar, creo que ten sentido, estaba a punto de desaparecer... un viño con identidade, que responde á orixe deste sitio»..