O Cortegada asina a permanencia con letras de ouro

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CORTEGADA

Cunha excelsa actuación coral, pon en Fontecarmoa punto final á xeira de once triunfos encadeados polo Celta (69-63)

19 mar 2021 . Actualizado a las 23:00 h.

Era un reto maiúsculo. Selar a permanencia no primeiro dos seus tres intentos obrigaba na tarde deste mércores a Javi Nogueira e as súas xogadoras a superar a un Celta situado nos tres últimos meses a un nivel se non igual, si parecido ao do intratable líder, o Baxi Ferrol. As 11 vitorias consecutivas coas que chegaba a Fontecarmoa e o 78-43 da primeira volta en Vigo cifraban o grao de dificultade requirido para levar a bo porto a empresa. E o Cortegada atracou o seu barco na illa do tesouro. Cun 69-63 xusta recompensa ao excelso traballo coral do colectivo capitaneado por Sara Gómez ao que Javi Nogueira lle devolveu a confianza en si mesmo, recuperando a defensa espartana recoñecida co paso das décadas como santo e sinal do equipo vilagarcián no baloncesto español; co único engadido ademais do técnico dunha currante sen grandes iniciais disposta a espremer cada pequena oportunidade xurdida durante os partidos como Mercy Wanyama.

A keniata, con 10 puntos e 6 rebotes, sóubolle dar ao Cortegada o que precisaba nos seus 17 minutos en pista, como Zeltia Presas cos seus tres triplos, Míriam García con 5 puntos de ouro e uns primeiros minutos do terceiro cuarto colosais que axudaron a manter ben centrado o equipo na volta de vestiarios; ou Sedlakova contribuíndo con números e cunha gran defensa sobre a cinco viguesa, Davydova. E todas afinadas por esa dirección de orquestra a catro mans, as da sociedade formada por Sara Gómez e por Patricia Vicente.

O partido arrincou frenético. O primeiro cuarto avanzou case a tempo corrido, para rematar 18-19, cos dous equipos alternándose no control do marcador. Unha dinámica prolongada ata pouco menos de 3 minutos do final dun derbi épico. Nas formas e no fondo.

Parecía que o espertar anotador de Celia García, a gran referencia do Celta, e a capacidade viguesa para anotar con facilidade baixo aro podían rachar a dinámica no segundo cuarto. Pero o Cortegada demostrou a súa resiliencia, alimentada por unha fame de vitoria que non parou de medrar desde a chegada de Nogueira ao vestiario.

Un parcial local de 12-0 converteu o 54-57 no 66-57 a 1.57 do remate. Seis minutos deixou o Cortegada o Celta sen anotar, ata que Motley, de tres, abría a opción dun final a cara ou cruz (66-60) alimentado por Celia García a 41 segundos con 67-63. Julien tirou un triplo a 10 segundos, pero non entrou e Patricia cazou o balón ao voo. Sacando a rabia de todo un equipo que se sabía xa en porto franco.

FICHA DO PARTIDO:

A.D. CORTEGADA (69): Sara Gómez (15), Patricia Vicente (13), Zeltia Presas (9), Cris Loureiro (3) e Tereza Sedlakova (12) -quinteto titular-; Lorena Castro, Míriam García (5), María Centeno (2) e Mercy Wanyama (10).

CELTA ZORKA RECALVI (63): Mariona Martín, Ángela Coello (12), Celia García (13), Julien (5) y Maria Davydova (10) -quinteto titular-; Lacorzana (4), Comesaña (2), Fontela (2), Niski, Stamenkovic (2) e Motley (13). 

PARCIAIS (E MARCADOR) CADA CUARTO: 18-19, 18-20 (36-37 ao descanso); 18-12 (54-51) e 15-12 (69-63, resultado final).

ÁRBITROS E PERSOAIS: Manuel Andrés Seijo e Iván Escariz. Sinaláronlles 13 faltas á A.D. Cortegada por 17 ao Celta Zorka. Sen eliminadas.