O Cortegada refórzase coa pívot keniata Mercy Wanyama, ex ADBA

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O club prevé a chegada da interior o vindeiro martes

18 mar 2021 . Actualizado a las 12:12 h.

Mercy Ayitso Wanyama. Este é o nome da chamada a ser a pívot que cubra nas filas da A.D. Cortegada a vacante deixada pola montenegrina Teodora Saric, cortada o pasado Nadal polo club vilagarcián na procura dunha nova peza que apuntale o plan de supervivencia na Liga Feminina 2 que manexa esta tempada.

Keniata con pasaporte Cotonú, isto é, co mesmo tratamento federativo co dunha xogadora comunitaria, Wanyama é unha cinco pura de 187 centímetros de estatura que onte cumpría os 29 anos, con experiencia as dúas tempadas anteriores na categoría, militando en ambas as dúas campañas nas filas da Agrupación Deportiva Baloncesto Avilés (ADBA). No equipo asturiano promediou por partido o curso pasado 7,7 puntos e outros tantos rebotes en case 24 minutos en pista.

Un problema informático impedíulle a Wanyama completar o único requisito administrativo que lle resta en Kenia para poder viaxar a Vilagarcía e iniciar a súa etapa no Cortegada. De feito, no club xa contaban con poder recollela hoxe a media mañá no aeroporto de Porto. Finalmente, e se non hai máis retrasos, a pívot chegará o vindeiro martes a terras galegas, coa súa terceira PCR feita en cuestión dunha semana, ao contar con resolver antes o seu visado para España.