Ourense salvaxe

Xosé M. Pacho SECCIÓN DE ULTRAMARINOS

OURENSE

A nota. Seguimos falando das mesmas cousas que hai cincuenta anos. A estrada que une ?ou non? Ourense con Valdeorras, pasando por Monforte, é de película
A nota. Seguimos falando das mesmas cousas que hai cincuenta anos. A estrada que une ?ou non? Ourense con Valdeorras, pasando por Monforte, é de película CARLOS CORTÉS

07 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia é un territorio salvaxe, e Ourense é a terra dos comanches. Vese en todo. Na provincia, na cidade, en cada recuncho percíbese ese aire diferente que nos define. Ese aire de comanches. Os orixinais, os primeiros pobos nativos de América, sabían moito diso. Tiñan que adaptarse aos invasores, fosen españois, ingleses ou franceses. E adaptáronse. Os españois reintroduciron o cabalo en América no século XVI e os comanches fixeron do cabalo un símbolo americano, cando domesticaron a eses animais salvaxes, eses mesteños, da Mesta de Castela. De aí vén o Mustang, o coche americano que ten un cabalo no seu escudo en homenaxe aos comanches.

E na nosa iconografía vital, derivada das películas americanas de indios e vaqueiros, os americanos falaban en español e os indios case que con monosílabos e na súa lingua. Na realidade foi bastante diferente, os americanos invasores falaban inglés mesturado con español, e os indios, español mesturado coa súa lingua propia, o numu tewapu, que está case extinguida. Eses eran os comanches, un pobo especial que aínda hoxe seguen sendo salvaxes, porque a comanchería é un territorio de Texas, de Novo México, de Colorado, que segue estando abandonado polo poder e que vai por libre, para mal.

Por iso digo que Ourense ten moito de comanche. Porque é difícil gobernar un territorio comanche, sobre todo, se os que gobernan tamén son comanches. Ourense tamén está abandonada. Dende hai moito tempo. O despoboamento avanza, a economía está quebrada e os políticos apenas fan nada. Esta provincia foi atravesada por unha enfermidade que se padeceu moito en Galicia, e en especial aquí: o caciquismo. Un caciquismo que paralizou as institucións e que fixo que a democracia devecese porque deixou un escenario arrasado, onde os políticos non caciques non souberon responder. E non é un problema da cor política, porque todo podreceu. Uns e outros foron facéndose máis e máis miúdos, como respondendo a ese libro de Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao país dos ananos. Contábanme que en Vigo hai un político actualmente coñecido como o do tres por cento, porque cobra unhas comisións, mordidas, por todas as adxudicacións que dá, dun tres por cento. Se isto pasase en Ourense, o de pagar só un tres, seríamos ricos. Pero non.

Lendo o xornal de hai cincuenta anos, vemos que no debate público séguese falando do mesmo e apenas avanzamos. A comarca de Valdeorras segue afastada do resto da provincia cunha estrada que dá vergoña. Agora para ir a Monforte, coa que estabamos unidos con tren dende hai unha década, é mais doado que Renfe te poña un bus dende Ourense que que funcione ben ese servizo. E o do termalismo segue sendo a frase feita, o cliché que chegou ao paroxismo cando aquel famoso político tivo a ocorrencia de propoñer que o edificio da Deputación se convertese nun hotel balneario. Pero é comprensible. Se el estivo máis dunha década de presidente e non fixo nada, e normal que pensase que sería máis útil convertelo nun hotel. Entrementres, o único que se pode dicir del é que foi condenado polo Tribunal Supremo por ir a máis de douscentos por hora a Madrid. Algo moi ourensán. O de ir a Madrid. Por iso agora na Deputación vano facer ben, porque ademais non se pode facer peor.

E claro, na cidade non foi moito mellor. Practicamente durante máis de tres décadas os políticos non fixeron nada tampouco. E dende a Xunta e dende o Estado, menos aínda. Tiñan outras preocupacións, e Ourense non estaba nin na axenda. Estabamos tan mal que agora, un alcalde pon un ascensor ou amaña unha rúa como a avenida de Portugal e cre que xa lle teñen que dar as grazas, aínda que esa rúa leve case un ano paralizada. Pero como lle podes explicar que está ben facer a obra, pero que se vives alí e levas tanto tempo en obras, e tes problemas para meter o coche, para camiñar, para abrir o teu negocio, é unha angustia. Non sería o normal reabrir a rúa por tramos? Claro, que se non vives alí, non o podes entender, pero non é tan difícil. Salvo que vivas nun territorio salvaxe.

Non é un problema de persoas, senón de talante. Pero isto é Ourense, a terra dos comanches, pero con AVE. E por iso das aves, na próxima falarei de Gonzalo Jácome.