Un roteiro recorda a pegada de Lamas Carvajal en Ourense: «É unha reafirmación do valor humano de don Valentín»
OURENSE
A actividade coincidiu co 150 aniversario da publicación do primeiro número de «O Tío Marcos d'a Portela»
07 feb 2026 . Actualizado a las 19:01 h.Tal día coma hoxe, o día 7 de febreiro do ano 1876 saíu á rúa o primeiro número de O Tío Marcos d'a Portela, unha publicación pioneira no ámbito dos medios de comunicación en galego. Século e medio despois, diversas entidades, como o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, organizaron un amplo programa de actividades para honrar a memoria dese xornal e do seu promotor, Valentín Lamas Carvajal. Onte, coincidindo co 150 aniversario de O Tío Marcos d'a Portela, celebrouse un roteiro para recordar a pegada en Ourense dun dos intelectuais galegos de maior relevancia.
A actividade arrincou no cemiterio de San Francisco, onde descansan os restos doutros ilustres ourensáns, como Eduardo Blanco-Amor ou Ramón Otero Pedrayo. Fronte ao panteón da familia Lamas Carvajal, obra do insigne arquitecto Daniel Vázquez Gulías, reuníronse decenas de persoas. Entre elas estaban algúns dos descendentes de don Valentín. «Para nós é unha grande honra e unha fonda emoción comprobar que co paso do tempo a súa figura e obra seguen a suscitar interese, respecto e afecto», dixo Manuel López-Ribadulla Lamas, un dos seus bisnetos, quen agradeceu aos promotores da homenaxe pola súa organización. «Para a nosa familia este recoñecemento supón tamén unha reafirmación do valor humano de don Valetín, do home comprometido, do observador atento da realidade social, do creador que supo dar voz a quen non sempre a tiña», engadiu.
Entre os presentes estaba a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, que subliñou a pegada de Lamas Carvajal. «Os historiadores da literatura recoñécenlle ser o autor máis prolífico e polifacético do seu tempo, así como ser o xornalista de maior relevo no século XIX en Galiza», dixo. María López Sández, representante da Real Academia Galega, explicou que o próximo mes de setembro, coincidindo co 120 aniversario do pasamento de ilustre ourensán, a entidad recordará de novo a súa figura. De feito, a propia RAG celebrará tamén neste 2026 o seu 120 aniversario. «Vivimos nus tempos nos que a presenza e prestixio do galego é moito maior, grazas a persoas coma el, que conquistaron terreos que parecían vetados para esta lingua, pero pola contra estamos a perder os niveis de uso, que entón si era masivo na poboación galega», reflexionou. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destacou, pola súa parte, que Lamas Carvajal, «soubo levar aos ambientes cultos a sabedoría popular».
Tralo cemiterio, o roteiro continuou por distintos puntos da cidade, como a súa residencia ou o Xardín do Posío, un dos seus lugares preferidos. O percorrido terminou no Liceo, onde houbo un recital da Coral de Ruada e un xantar popular