Roberto Pascual, director da MIT de Ribadavia: «O obxectivo é a internacionalización, pero con calidade, non en número»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Roberto Pascual é o director da MIT de Ribadavia.
Roberto Pascual é o director da MIT de Ribadavia. MIGUEL VILLAR

A MIT 2021 dá un protagonismo especial ás miradas sobre Shakespeare

04 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Volve a MIT de Ribadavia e faino con máis forza que nunca. Coa internacionalización como bandeira e cunha edición moi reivindicativa: dende o lema que define á Mostra 2021 -A arte marca a diferenza- á temática de moitas das montaxes, pasando por unha aposta decidida pola danza. Roberto Pascual, director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), mantén a liña de traballo a prol das coproducións como unha canle para darlle maior visibilidade á Mostra e segue dando protagonismo ás novas xeracións emerxentes.

—Pasamos da celebración dos 35 anos, no 2019, ao escenario ameazador do coronavirus. Como se viviu a arriscada aposta de celebrar a MIT 2020? Sentiuse a presión nesta decisión pioneira?

—Falamos moito antes de decidir manter a Mostra e había medo por como se estaban a desenvolver as cousas, con moitas convocatorias suspendidas. Tamén pola presión ou ataques que sufriron outros compañeiros, como o director de Almagro. Houbo risco, tamén presión, pero foi unha experiencia que nunca esquecerei, pola implicación de todo o mundo e o apoio dos veciños e os grupos. Houbo unha empatía marabillosa e iso foi o mellor; e o sentimento de comunidade.

—Chega unha MIT reivindicativa e con propostas desmitificadoras e achegándose a realidades como o feminicidio, as novas falsas, a transexualidade... O futuro da Mostra pasa polo risco?

—Ten que haber un equilibrio entre atender á maioría e os dereitos culturais -e da cidadanía- e as problemáticas sociais. Dende que cheguei á Mostra traballei nunha transición produtiva, mantendo a tradición que había e camiñando cara o que creo que a MIT de Ribadavia debe ser. Pasados estes once anos creo que debemos ir a propostas arriscadas e reivindicativas, porque xa hai permeabilidade e un público receptivo e que quere cousas novas.

—Internacionalización é palabra máxica para o futuro da Mostra?

—É un dos seus sinais de identidade. Mais internacionalización con sentido, porque a veces se fala de internacional polo número de países que participan. O festival de Ribadavia non é un intercambio de cromos nin un conxunto de números. No noso caso o obxectivo é a calidade. É dicir, Jan Lauwers é internacional? Si. Mais a internacionalización consiste en traer á Neddcompany por primeira vez a Galicia. Porque son unha referencia nos libros de teatro contemporáneos. Ou que o espectador poida descubrir a Christos Papadopoulos ou situar á MIT na xira de Señor Serrano, que é unha compañía catalá pero cunha gran proxección internacional. Tamén proxectar aos grupos galegos cara a fóra ou dar a coñecer a unha figura como a ourensá Marta Alonso Tejada. Iso si, o número non.

—Convidan a un tal Shakespeare. Aínda segue dando xogo?

—Moitísimo. E tanto como se pode ver nas lecturas irreverentes de Marta Pazos -que tanta graza fan a algunhas persoas, supostamente de mentalidade aberta-. Shakespeare está como o que é, como un grande da literatura dramática. É un dramaturgo inesgotable: nel está a violencia, o desexo... pregúntase Jan Lauwers no seu espectáculo -que parte das dez traxedias do inglés- se Shakespeare sería o Tarantino dos séculos XVI e XVII. E por que o pregunta? Porque vivía nunha sociedade na que a violencia, o axustizamento, os castigos na rúa, o sexo, a caza de bruxas e aspectos semellantes estaban á orde do día. E el pregúntase se Shakespeare non empregaría todo iso para escribir así e encher os teatros. E aí están as versións de Lauwers, o Othello de Voadora ou Atalaya co seu Rei Lear.

—Incide nesta edición en darlle máis presenza aos emerxentes.

—A aposta pola emerxencia de valores creativos é un dos obxectivos trazados polo festival dende hai tempo. O apoio ás novas compañías, apostar por novos autores e dramaturgos, autoras e directoras, aos que logo lle seguimos a pista e os volvemos convidar. Este ano temos Soga e cinsa, de Aporía, que é un espectáculo de gran formato -con once actrices en escena e moi visual- e queremos que sigan o camiño que xa fixeron outros grupos que apoiamos no seu día.

«A danza leva unha lousa enriba, que é a do descoñecemento e a invisibilidade»

A MIT do coronavirus chegou cun lema evidente e comprometido. A ceo aberto serviu para identificar a unha Mostra diferente, de pequeno formato, que lle gañou a partida á primeira onda da pandemia. Neste 2021 a mensaxe é clarificadora: A arte marca a diferenza.

—Esa é a clave?

—É unha frase ambivalente. A arte non é un produto de consumo, deixa un pouso, constrúenos como individuos e como sociedade e imprégnao todo; a recuperación económica e social, e tamén a saúde. Despois desta pandemia a arte axúdanos.

—Hai unha aposta clara pola danza. A súa normalización é a gran eiva da cultura galega?

—Hai moitos prexuízos con respecto á danza, na sociedade e nos programadores dos teatros. A danza leva unha lousa enriba, que é a do descoñecemento e a invisibilidade. Sabes en cantos dos máis de 60 espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios se conta coa danza? Non chega ao 10 %. Isto é unha anomalía en termos de dereitos cidadáns. Tamén a identificación coa danza clásica é outra eiva. Na actualidade hai unha variedade de estilos, de mesturas, de linguaxes híbridas tan sorprendente que a xente se fascinaría con toda esa oferta. É mentira que os cidadáns non queiran ver espectáculos de danza. E en Galicia temos unha oferta e unha variedade grandiosa.

—Reforzamos tamén as coproducións. Esa é a liña a seguir?

—Sen dúbida. As coproducións son a fórmula para que o festival estea vivo o resto do ano, porque levan o nome de Ribadavia polos certames ou os escenarios por onde pasan. Grazas a iso temos moita visibilidade e agora somos moi coñecidos en contextos moi diversos: no académico, nos circuítos de festivais, na programación dos teatros nacionais... e iso é bo, porque lle dá un prestixio á Mostra que logo lle serve para chamar a moitas portas. Fomos pioneiros en facelas e este ano temos tres na MIT.

Da paixón pola escena a gozar das culturas populares, o viño e a comida

Roberto Pascual é un carballiñés de 1981 que, aclara, aínda segue por agora na quinta dos de trinta e tantos. Achegouse ao mundo creativo no IES nº 1 do Carballiño e sempre lembra á finada Mercedes Taboada, a profesora que lle transmitiu a confianza de que todo era posible e que debería loitar por conseguilo. Segue niso, aínda que tamén fica en terra para gozar co resultado dos anos de esforzo: «Non crerei que sexamos capaces de traer a Jan Lauwers ou a Papadopoulos ata que os vexa enriba do escenario do auditorio do castelo». Formouse como filólogo en Compostela e alí estivo con Roberto Salgueiro na Aula Universitaria de Teatro. Actuou nunha serie de televisión e o seu último papel foi en Ubú rei. Marchou traballar a Madrid e, á volta, optou polo ensino e a xestión cultural.

—Fóra do teatro cales son as súas afeccións?

—As miñas actividades e afeccións está todas tocadas polo teatro, que é a gran paixón e que o enche todo na miña vida.

—E a maiores?

—Gústame a natureza, moito. Tamén as culturas populares. Daquela é para min un pracer explorar os sitios nos que me atopo. Un dos máis bonitos nos que estiven foi en San Juan Chamula (en San Cristóbal de las Casas, México). Estar alí foi o máximo, porque descobres unha cultura, unha gastronomía, un sincretismo entre o relixioso e o pagán, o rito -tan relacionado co teatro-, a exuberancia de México, as paisaxes, os olores... Iso si, non vou como un turista ao uso, vou con moito respecto.

—Cita a gastronomía.

—Gústame moito o viño, catar o bo viño. E tamén os bos restaurantes. Teño debilidade polos artistas culinarios. Se mo podo permitir, unha vez ao ano gozo dunha estrela Michelín.