«Isto non é Hollywood, pero estar en Youtube non deixa de ser un choque»

Pablo Varela Varela
pablo varela OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O actor amateur ourensano Ángel Calo, con tan só 16 anos, protagoniza unha webserie sobre sexo na etapa da adolescencia

07 dic 2019 . Actualizado a las 10:14 h.

«Pasou o de sempre. Fixen a proba en Santiago por intentalo, pensando que non me collerían. E ó final chamáronme», conta Ángel Calo. Con 16 anos, este ourensano alumno da Escola Municipal das Artes Escénicas lanzouse ó mundo das reproducións virais en Youtube xunto a dúas rapazas de Negreira, Noelia Liñares e Iria Freire, coas que protagoniza a webserie S.E.X., na que afondan sobre as cuestións pedagóxicas do sexo en idades temperás.

-Na liña de contidos da webserie escoitouse a vosa opinión?

-Para esta primeira tempada tivemos parte activa no vocabulario dos adolescentes, cambiando expresións do guión inicial. De feito, apropiámonos un pouco del para facelos máis dinámicos. Iso ten que ver con que nós, pola nosa idade, estamos en contacto diario cos rapaces. Pero os contidos son fixados previamente pola produtora Illa Bufarda e a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia (Aseia).

-Por que se pensou en Youtube como plataforma de distribución?

-A produtora tiña gañas de facer unha serie que falase sobre a sexualidade, e contactaron con Aseia coa idea de levala á televisión, pero na asociación pensaron que ó ser dirixida a un público máis novo a plataforma ideal para chegar á xente era en Youtube. Poucos adolescentes ven as series na pequena pantalla. E a maiores, tamén idearon crear un perfil en Instagram.

-E quen atende ás persoas que realizan as consultas nos comentarios?

-A xente pensa que ó ser unha canle en Youtube, nós somos youtubers e que a idea é nosa, pero non. Propuxemos un espazo aberto para que o público que nos coñeza vaia abrindo debate e conteste nesa sección. Aí, son os membros de Aseia os que se encargan de dar respostas e de educar, porque teñen o coñecemento dos nosos problemas. Pero nós soamente protagonizamos os vídeos.

-Como se xestou a túa interese polo mundo da actuación?

-Teño esa inquietude desde moi pequeno. As miñas compañeiras levan anos facendo teatro, e eu tamén o fago aínda que desde hai menos tempo. No grupo de WhatsApp que temos na Escola Municipal das Artes Escénicas mandaron a convocatoria da proba, e á semana de ir dixéronme que si.

-O primeiro capítulo chegou ás 5.000 reproducións e o segundo ás 1.000. Hai intención de ir máis lonxe co proxecto?

-Xa temos gravada a primeira tempada. Botamos unha semana rodando durante o mes de xullo. Foi un intensivo facendo un ou dous vídeos por día. Tiñamos que madrugar para estar en Santiago ás dez da mañá, xantabamos xuntos e iamos calculando o tempo que tiñamos en función do que nos ocupara. Se hai segunda tempada, que agardamos que si, queremos ter máis participación nos temas dos que falar. De feito, estamos en contacto a diario con eles.

-E que se pode facer cos ‘haters’?

-Aínda que os haxa, a serie tivo bastante boa aceptación. Eu estaba nervioso pola aceptación que puidese ter, e tiven ese medo de non dicirllo á xente, pero é unha tontería. Ós comentarios destrutivos non lles podes prestar moita atención, porque o temor xeralmente telo polo que dirá a xente do teu entorno, e moitos deles animáronnos sempre a seguir adiante.

-Non lles da vertixe a sensación de estar expostos a unha audiencia global?

-É certo que isto non é Hollywood, pero aparecer en plataformas globais como é o caso de Youtube non deixa de ser un choque. Non te das conta da cantidade de xente á que podes chegar pola rede, pero ó final normalízalo. Entendes que a moito do teu público virtual non o coñeces en realidade.