Suárez pasea no polémico autobús de Murcia

OURENSE

Encetaba febreiro e saltaba aos titulares de tódolos medios de comunicación o nome dunha artista que xa ninguén lembra, aínda que si os feitos protagonizados. A creadora é Carmen Molina Cantabella, unha rapaza que apostou por darlle un novo xiro á súa participación no certame artístico PAC de Murcia, organizado pola Consejería de Cultura de Murcia, e instalou as súas obras nos autobuses da cidade. Una proposta lonxe dos cauces normais empregados na súa anterior participación no certame e que busca enfrontar ao espectador á obra de arte dun xeito directo e nun esceario que está a mudar de forma constante.

Unha das obras de Carmen Molina amosaba o corpo nú de Mariana de Austria, elaborado a partires da fotografía dunha modelo e tomando como referencia a obra de Velázquez, e iso alporizou a algunha xente na cidade. Como soe acontecer o comisario da mostra viu na proposta artística unha «frivolidade» se o comparamos coa violencia que tódolos días nos atrapa dende os medios de comunicación e o alcalde da cidade recoñecía que era unha «obra de impacto», mais que non había que ferir sensibilidades.

No que poucos repararon é que outra das obras da artista que pasea estes días por Murcia amosa unha parella de gardas civís retirando un cadro de Picasso. Nesta liña de «apropiacionismo», como define a artista o seu traballo, hai que salientar que a fotografía empregada para a montaxe é de José Suárez (Allariz, 1902 - A Guarda, 1974), o maxistral fotógrafo e cineasta de Allariz.

A imaxe de Suárez é un orixinal da colección realizada nos anos 30 polo fotógrafo en Allariz que permañeceu, xunto outros negativos seus, no Museo de Pontevedra sen identificar. Esta fotografía e as outras da colección foron autentificadas polo investigador Xosé Enrique Acuña e con elas fíxose unha mostra no Museo de Pontevedra, no ano 1986, logo de descubrir a autoría efectiva do mestre alaricano.

A imaxe dos gardas civis na romaría do San Vitorio, en Allariz, tamén formou parte da mostra realizada con estes materiais en Bretaña e do libro-catálogo da mesma: Impresións de Galice dans les annes 30. Photographies de José Suárez (1987).

As montaxes de Carmen Molina estarán ata o día 28 nos autobuses de Murcia e logo a serie exporase na galería Kreisler de Madrid.