Comendador dirixiu un proxecto arqueolóxico no Monte Urdiñeira en Riós e A Gudiña
28 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Promocionado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense e con financiamento da Deputación, o equipo de Beatriz Comendador rematou a intervención arqueolóxica no Urdiñeira, na zona meridional de A Gudiña e situado de xeito parcial no norte de Riós. A intervención entra no proxecto Organización territorial da provincia de Ourense na Idade Media (séculos XII-XV) da Facultade de Historia.
-¿Que obxectivo teñen?
-Analizar os patróns de asentamento poboacional e a constitución como área de tránsito da Serra da Urdiñeira, enclave moi representativo da rede viaria ourensá cunha excepcional riqueza patrimonial froito da súa remanencia no tempo.
-¿Como estruturaron o traballo?
-Primeiro houbo un traballo de gabinete, revisando a cartografía dos planos e da foto aérea. Fíxose un control e procura de topónimos significativos arqueolóxicamente na cartografía e enquisas etnográficas, resultando na corrección de algúns topónimos. Tamén consultamos fichas do Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Xunta e expedientes das intervencións feitas, entre outra documentación. E logo tivemos o traballo de campo.
-¿Que datos atoparon?
-Localizamos os xacementos e lugares de interese cunha prospección intensiva. Na zona á volta da Urdiñeira fíxose unha prospección extensiva en lugares moi concretos.
-De todo isto, ¿que é o que máis destaca?
-Os resultados no lugar do achado da estatua menhir de Tameirón. A revisión do contorno do pobo deu resultados interesantes. Foi posible localizar o lugar do achado, que non estaba ben catalogado nas coordenadas nin na cartografía.
-¿Cal é ese lugar?
-O Cichón. Apareceron cerámicas no entorno das terras de cultivo cunha adscrición indeterminada pero tamén elementos catalogables como da prehistoria recente. Localizamos dous túmulos próximos, un deles é o Cabeza de Cichón, nun estado de boa conservación, non así o outro.
-¿Cando foi atopado o menhir?
-No 1992 por un veciño na súa finca e hoxe está no xardín das escolas vellas do Toural na Gudiña. Con luz artificial fixemos un rexistro nocturno para ver con detalle posibles elementos gravados nas zonas máis deterioradas da pedra.
-¿Que labor de divulgación prevén?
-Fixemos un blog, tivemos un obradoiro previo cos veciños en Riós para intercambiar informacións. Na feira da castaña queremos facer algunha actividade e, na Facultade, dar unha conferencia.
-Pagou a pena o traballo.
-Si. Reubicamos xacementos antes errados, contextualizamos mellor a cultura material cos achados atopados nesta zona e podemos consolidar a alta potencialidade da zona en recursos paisaxísticos e culturais para poñelos en valor.