Ansiedade ante as enfermidades

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Ana Garcia

11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Padezo unha síndrome pouco común. O peor destas enfermidades é, precisamente, o descoñecemento. Que é o que me pasa? Por que? Que implica?

Todo son incógnitas. Todo se volve desconfianza, movémonos sobre un mar de dúbidas. Todo, imaxinarán, nos conduce á ansiedade.

Paseino mal. Porque non sabía como enfrontar os síntomas e as consecuencias que eles levaban consigo. Pero, por sorte, logo de anos padecendo incomodidades varias, puxémoslle nome a iso que me pasaba. Alguén que o sufrira antes foi quen nos situou no novo camiño e este xa non era un océano inestable, senón un vieiro de terra. Tamén os hai de pedras, careiros máis ou menos estreitos, angostos, costentos... pero o chan firme, sexa como sexa, asegúrolles que axuda moito no avance diario.

Desde entón non tiven melloría (de feito, pasei épocas peores a ningunha anterior), non houbo tratamento posible. Porén, estou moito mellor, moitísimo máis tranquila. Maxia? Non. Sinxelamente, agora sei que é o que teño e, ás veces, podo anticiparme a algunha das crises físicas que isto me provoca. Por que? Porque lle puxemos nome. Sei o que padezo. A ansiedade desapareceu. Non vaian pensar que me sinto especial. Todo o contrario! Son un simple número máis, outra paciente que experimenta alivio ao ter un diagnóstico. Se houbese o máis mínimo indicio de que puidese padecer cancro, tamén querería sabelo. Canto antes. Para prepararme, preguntar, actuar...

A quen queren enganar? Non hai maior ansiedade ca a provocada polo descoñecemento.