«As Galicia» e Eutelsat

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

18 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes tempos de guerra en Europa hai unha Galicia ameazada, a polaco-ucraína, e outra en paz, a da Finis Terrae. Iso trae á memoria dos técnicos que puxeron a andar a TVG unha desventura por culpa dos idiomas. A TVG ofrecía a súa primeira retransmisión dun partido de fútbol vía satélite. O sinal subíase ao Eutelsat desde Italia para baixalo na Galicia con lonxitude xeográfica 9 graos oeste. Aquí se recollería o sinal da antena do Eutelsat dirixida cara a nós para enviala aos centros reemisores galegos.

A CRTVG solicitou en inglés o servizo indicando as coordenadas da sede central da nosa compañía. A central da Eutelsat está en París e o francés é o idioma de traballo nela, salvo para comunicacións externas. Nin franceses nin ingleses fan distinción fonética entre nomes das dúas rexións galegas: para uns é «Galixa» e, para os outros, «La Galís». Daquela, o responsable de teleordenar ao satélite que enviase sinal a terra oíu o nome da rexión en calquera deses idiomas e, sen reparar nas coordenadas, fixo que baixase pola antena dirixida á Galicia oriental, sobre os 25 graos leste. A central telefónica da TVG saturouse coas protestas. O director técnico da CRTVG chamou o seu homólogo na Eutelsat, un inglés que lle berrou a alguén nine West, stupid! e o milagre produciuse: houbo fútbol.