A luz que contamina

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

EDUARDO PEREZ

30 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos meses de agosto realizo varias actividades de observación astronómica. Varios dos asistentes veñen de cidades ou vilas grandes, e asómbranse ante o espectáculo do ceo estrelado, porque non poden velo onde viven polo exceso de luz artificial nocturna que padecen. É unha nova forma de contaminación que sufrimos dende hai unhas décadas. Sobran farolas e sobra potencia nesas farolas e outros tipos de lámpadas artificiais. E non me estou referindo só á cantidade de luz que emiten, senón tamén á cor. Estar expostos de noite a unha luz branca como a dun quirófano non é saudable. O corpo humano necesita dun equilibrio entre noite e día (os nosos ollos teñen fotorreceptores que activan interruptores de descanso), necesita de períodos de escuridade para descansar e, de ter luces neles, deberían tender a certas tonalidades. A cor no mediodía acada o seu máximo punto de branco, e o natural é que vaia esvaecendo e facéndose máis avermellada a medida que nos achegamos á posta de sol. 

Necesitamos dunha certa hixiene na iluminación nocturna, descubrir que pola noite os nosos ollos poden ver moito máis do que nos parece. Esta semana fun ver o mar de ardora (a bioluminiscencia producida por uns organismos mariños en certas fases do ano) a unha praia próxima á miña casa e, para o meu asombro, hai xente que prende os faros dos coches para alumear o mar ou anda con focos prendidos pola praia. Con iso non fan máis que estragar o espectáculo, a eles e ao resto. De noite, intenten apagar as luces. Iranos mellor a todos.