Os nenos primeiro

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Consorcio de Emergencias de Lanz

22 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Pensemos detidamente sobre a máxima de «os nenos primeiro». Non é cuestión de seren máis indefensos. A prioridade vénlles dada por simple supervivencia da especie humana. Os nenos teñen máis vida por diante, máis futuro. Por esa mesma razón, nos rescates adoita dicirse «mulleres e nenos primeiro», porque son os que teñen futuro ou os que poden xestar novas vidas.

O problema é que si son os máis indefensos e, cando a morte paira sobre a humanidade, a infancia é tamén a primeira en desaparecer.

Non son experta en políticas migratorias. Realmente, son unha ignorante. Mais, como persoa, necesito que deixe de morrer xente á deriva. Que deixen de alimentarse os océanos con cadáveres.

Porque, tamén nesta guerra contra a fame, os primeiros son os nenos. Os primeiros en falecer, claro. Unha das cincuenta e catro persoas que se subiron nunha barca pneumática no Sáhara, tentando chegar a Canarias, cóntao así. «Ían morrendo pouco a pouco, primeiro os nenos». Desfalecían. Fixeron mil quilómetros á deriva. Puideron dirixirse ao centro do océano. Logo de trece días, acabaron en Mauritania. Poucos foron os que o contaron. Ningún neno. Só unha muller.

Estas traxedias pasan. Sabémolo nós e quen se sube, á desesperada, a calquera trebello cunha mínima posibilidade de saír do inferno no que viven, buscando un destino mellor. Se, aínda así, deciden arriscar a vida, navegar na fondura da escuridade e loitar contra os titáns... é que viven unha situación límite. E o medo non entende de fronteiras.