Decidiron conservar e non derrubar

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. Estévez

19 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

De vagar, vaise ampliando o radio de movementos e de nutrición intelectual. Portugal é o país querido onde o tempo se demora porque soubo custodiar a historia construída de monumentos e vilas e introducir, por veces con notable acerto, o elemento contemporáneo, aínda que nas novas periferias hai un exceso de construcións que non son arquitectura.

No porto, xunto á visita ao Museu Serralves, que mostra unha excelente antolóxica de Louise Bourgeois, pódese explorar a oferta de Gaia nun complexo de vellas adegas. O que se presenta como novo barrio cultural do Porto, reforzando o diálogo entre as dúas ribeiras, é un híbrido centro comercial de arquitectura mellorable, con variadas propostas que conxugan a cultura e os sentidos, promovido pola Região do Porto para impulsar a cultura do viño a escala metropolitana.

Lisboa é unha das cidades que lideran a campaña mundial #Culture2030goal, co lema «sen cultura non hai futuro». Algo terá que ver co perfil dos seus políticos. Un exemplo nun tema concreto: Carlos Moedas, candidato do centro dereita á autarquía da capital lusa, reivindica a calidade da arquitectura pública e privada e o seu reflexo na cidade. Calquera persoa culturalmente inquieta pode subscribir este punto.

Dúas cidades que no seu día optaron por conservar antes que derrubar, o que permite desfrutar hoxe do carácter singular das súas rúas e espazos públicos. O turismo en masa aínda non retornou. Xorde entón a pregunta de como se interpreta hoxe o principio de Platón de vivir xuntos nas cidades, se se refire só aos propios veciños ou inclúe os transeúntes globais aloxados en centos de apartamentos turísticos e que seguen cambiando a fisionomía urbana.

Lembro ao amigo Luís Caramés, recentemente falecido, con quen tanto debatemos estes asuntos. Perdemos un intelixente investigador e polemista, lúcido na argumentación e na escritura, unha boa cabeza das que non andamos precisamente sobrados.

Chorai, chorai, poetas do meu país… A voz insubstituíble de Carlos do Carmo evoca, con esa capacidade melódica do fado, a saudade, ese sentimento tan atlántico no que Ramón Piñeiro profundou e que en Portugal chegou a crear un movemento chamado saudosismo. Velaí, talvez, a clave da nosa sintonía co país que algunha vez foi un con Galicia.

No fondo da cuestión está o tema recorrente do iberismo que, segundo escribe Ramón Villares, aínda que non estea na axenda dos medios si está na bandeira europeísta.