Falta unha palabra no dicionario. Unha termo triste, pero necesario. Hai viúvas e viúvos, orfas e orfos, pero... e as persoas que quedan sen fillos? De por si, é unha traxedia, un suceso anti natura que, por se non lle chegaba, non ten nin denominación. Debemos escoitar a nais coma Rocío Viéitez. A súa ex parella asasinou no 2015 as dúas nenas das que eran pais. Ela nin sequera é considerada vítima de violencia de xénero. Algo que resulta máis sorprendente aínda tendo en conta que si é responsable das débedas da súa ex parella. Era quen pagaba as cotas da hipoteca da casa na que el vivía e onde comeu os crimes.
Paréceme unha penitencia moi dura de levar. Non creo que xamais poida recuperarse dunha perda así. Pero, por riba, ter que facer fronte ás cargas económicas do asasino, non ser considerada vítima de violencia de xénero e non ter nin un nome co que designar a súa perda familiar...
Todo isto di ela, con serenidade e contundencia. A enteireza coa que fala e se amosa ao mundo é sobrecolledora. Non sei como es capaz de erguerte cada día, Rocío. Non o sei. Que che arrinquen dese xeito a vida das fillas é relegarte a un pozo escuro, xélido e terrorífico. Sacar a cabeza fóra del é tarefa de titáns. Sobrevivir paréceme practicamente imposible. Pero facédelo. Ti e outros pais que tamén foron vítimas deste tipo de atrocidades. Gabriel, Diana... Javier Mirás, Marta del Castillo... Miriam, Toñi e Desiré... Deixaron orfos aos vosos pais. Como denominar esta traxedia no dicionario?