Amor de pai

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

01 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chamábase Óscar. Era novo e forte. Cruzara o río Bravo coa súa filla Valeria, de dous anos, e deixouna na beira para cruzalo de novo e axudar á súa muller. A nena, ao ver que o seu pai se afastaba, lanzouse tamén á auga e a corrente arrastrouna. O pai logrou alcanzala. Para impedir que a corrente os separase, meteuna baixo a súa camiseta e a nena aferrouse ao seu pescozo.

Dona Emilia Pardo Bazán cría que o instinto de supervivencia era máis forte ca o amor. En El fondo del alma narra a historia de Cesáreo e Candelita: el está fondamente namorado, e o seu amor logrou superar todos os obstáculos e van casar.

Nunha excursión polo río, a barca afúndese e Candela abrázase a el, impedíndolle nadar.

El sente que van morrer xuntos e acepta ese destino, pero o choque cunha roca esperta o seu instinto de vivir, sóltase dos brazos que o atenazan e nada cara á beira. Desde alí ve como a muller, sen a cal cría que non podería vivir, vai río abaixo «hacia el gran mar del olvido», puntualiza dona Emilia, co seu peculiar pesimismo.

Pero hai un amor máis forte que o instinto de sobrevivir. Óscar non se apartou da súa filla de dous anos. Na foto véselles aos dous na beira do río, caídos boca abaixo, unidos pola camiseta gris do home e polo braciño da nena que rodea aínda o pescozo de seu pai: así, xuntos, entraron no Alén, unidos por un amor que é máis forte que o desexo de vivir e que o temor á morte.