Nos eidos do disparate

OPINIÓN

30 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non vai hoxe, non, dos disparates dos que a política e as súas xentes enchen a nosa vida. Voume referir a disparates de certa intelectualidade, que fan competencia, e ás veces deixan pequenas, as saídas daqueles. Nunha sociedade tan silvestre coma a nosa, é lóxico que certa intelectualidade tamén o sexa.

En certo xornal galego, non hai moitos días, facíase unha crónica dun acto cultural de presentación dun libro, crónica na que se podía ler que unha suposta tendencia cultural -o piñeirismo- fora oposta a unha literatura galega moderna e que adoptou unha postura pouco menos que inquisitorial nese sentido. A estas alturas con esas andrómenas. Ninguén sabe que cousa tan poderosa debe ser esa do piñeirismo para chegar a tanto.

O que un si sabe, con feitos que están ao alcance de calquera, é que a editora que acubillaba ao piñeirismo non só publicou toda a nova literatura galega de entón -Camilo Gonsar, Xohana Torres, Méndez Ferrín, María Xosé Queizán e outros-, senón que fixo algo novo, nunca visto en Galicia: poñer ao servizo dos novos escritores unha colección literaria.

A mesma editora foi a que publicou, na súa colección de poesía Salnés, Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, que era tamén codirector da mesma. Como se pode dicir, ou dar a entender -para mellor confundir- que ese tal vate foi preterido polo piñeirismo? Non estaremos superando a Casado, a Rivera e a Abascal xuntos? En calquera caso, a falta de honestidade intelectual non axuda a ningunha causa. E descender ás maneiras dos malos políticos non debera ser nunca obxectivo dos que forman ou cren formar a intelectualidade, obrigada, por tal condición, a encararse con ela con máis criterio. Que niso, ao cabo, consiste ser intelectual.