Vacas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

12 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes de que as tractoradas irrompesen nas nosas vidas, o campo galego xa existía, ¿saben? E como existía, en lugar de ollar os gandeiros que protestan nas tractoradas desde esta condescendencia clasista, poderiamos ter feito moitas cousas que non fixemos. Non mercamos masivamente leite fresco, non miramos nas etiquetas a procedencia do leite que tomamos. En cambio, educamos os fillos na crenza de que o campo é esa profesión de fozar cos pés na lama e limpar merda, e mercamos leite de fóra, coma se «fóra» fose só o que non somos nós, nos nosos dúplex con parqué e despensa para acumular brics augados pensados para resistiren a viaxe entre Francia e Compostela. E non me veñan con escusas de mal pagador. Estou segura de que vostedes gastan os trinta céntimos de máis que custa o leite fresco galego, delicioso e máis san, en trangalladas.

O campo non só é ese lugar onde pacen as vacas coma extras de selfies bucólicas. Os prados son máis ca o telón de fondo das nosas road movies, e as vacas son eses mamíferos que dan o leite que bebemos, non os peluches cos que dormen os nosos fillos. Pero non se enganen: para que Galicia sexa un orgullo cando levamos de excursión os amigos estranxeiros e poñan as fotos da terriña no Instagram, ten que haber vacas, tractores e lama. E desaparecerán deixando no seu lugar un escenario de monte agreste que alguén queimará o seguinte verán, se quen almorzamos leite a diario non reivindicamos a lactosa e non sumamos a nosa voz ao ruído dos tractores.

Que aparezan onde sexa os cartos que permitan ao campo galego ser unha industria competitiva da que fachendear, como fan os suízos nese país da vaca como animal nacional ao que emigran os nosos gandeiros arruinados.