¿Que estamos a facer mal?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

A morte de 51 mulleres ás mans das súas parellas ou ex parellas lévanos á preguntarnos que falla nas medidas de protección ou de prevención. Fallos hainos, empezando pola educación desas rapazas que consideran signos de amor o comportamento machista das súas parellas e rematando na postura de neglixencia dalgúns policías e xuíces á hora de avaliar os riscos. Pero máis alá dos inevitables fallos humanos e mesmo institucionais, hai que recordar que a igualdade e a liberdade nunca se conseguiu de balde. As mulleres seguiremos aínda durante moito tempo pagando o prezo da nosa emancipación. Durante séculos, a muller foi considerada unha posesión do varón; do pai, e despois do marido se se casaba, ou do home que exercía o papel de patriarca da familia. O que era un feito social converteuse ao longo dos séculos nun feito «natural», aceptado por homes e mulleres. Os homes que matan a muller que quere abandonalos están a aplicar a norma de «mateina porque era miña», de tanto arraigamento popular. ¿Como se poden desbotar tales ideas de dominación e sometemento? Creo que só poderán superar esas actitudes as persoas que dende a infancia sexan educadas, tanto na familia coma na escola, por persoas que, á súa vez, medraron nun mundo de igualdade e respecto á muller. Bótenlle décadas. E ata entón o que se debe facer é non darse por vencido e seguir insistindo nunha educación paritaria.