Cáritas

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

10 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Algúns falan da importancia da xustiza, fraternidade, igualdade, pero só pensan neles. Algúns viven a vida xogando un solitario. Non miran máis que a punta dos seus zapatos, o espello, as plumas de pavo real que coidan con esmero. Repiten o pronome persoal en primeira persoa: yo mi me conmigo, diciamos na escola salesiana onde crecín. Algúns morren de non vivir: porque un vive cando vive para os outros. A pesar de Quevedo («Vive para ti solo si pudieres porque solo para ti, si mueres, mueres») é preciso entregar e entregarse. Creo nesa xente máis que nos doutrinarios que pronuncian o seu dogma, de tertulia en tertulia e de estrado en estrado, falando de políticas igualitarias. Creo nos que atenden aos demais. Cáritas, a quen La Voz de Galicia entregou o pasado novembro o Premio Fernández Latorre, é un exemplo. Son católicos, cristiáns, e por ese motivo a progresía de esquerda os lamina e, en moitas ocasións, vilipendia. Falan do clero e dos cregos con desprezo. Ven na igrexa o Leviatán. Pero a igrexa é tamén Cáritas, e os misioneiros que atenden misións en África, Asia ou Hispanoamérica. Igrexa son monxas que están ao lado dos nosos maiores, ou as que percorren hospitais dando conforto, ou que atenden aos máis necesitados. Esperei a escribir esta columna a este mes que chaman costa de xaneiro. Algúns notan a crise máis que outros. Mentres os doutrinarios seguen predicando as súas homilías mediáticas, outros han de continuar o seu labor encomiable: dar trigo. Cando a Fundación Fernández Latorre premiou a Cáritas, premiou o mellor da vida: os que viven para os outros. Grazas.