A XERACIÓN máis europea que houbo en España, e a máis culta tamén, foi a do 98. Como culta e europea, non aturaban os touros. É célebre a páxina de Pío Baroja no último capítulo de La Busca: Manuel, o personaxe, non atura o espectáculo do cabalo pisando as súas propias tripas, e di: «Yo me voy. Esto es una porquería». Os homes do 27 xa foron outra cousa: están máis preto do sainete que é España, e non lles parece mal, gaban os touros, os xitanos, o flamenco e, en xeral, séntense ben na España cañí. Non hai dúbida de que esta xeración é máis typical en comparanza coa do 98. Importoulles máis a súa estética que a sociedade española. Hoxe, cando noutros países van desaparecendo vellos costumes sanguinarios e aínda que teñamos leis que din protexer os animais, vemos que certa prensa, incluída algunha que se ten por progresista, está disposta a avivecer o que non é senón barbarie, primitivismo e escurantismo. E a amolar a toda unha sociedade que, en xeral, ou é indiferente á festa, ou sentimos noxo dela, como Pío Baroja.