Vinganza, non xustiza

| MARINA MAYORAL |

OPINIÓN

02 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O SÁBADO 30 de decembro, mentres pola casa se estendía o aroma do café, conectei o ordenador para ver nos xornais dixitais o que estaba a pasar polo mundo. A noticia da execución de Sadam Huseín golpeoume como unha puñada no estómago baleiro. A forma de levala a cabo, as agochadas, con presa, pon de manifesto o que todos sabiamos: que se trata dun acto criminal, vergonzoso, que culmina un proceso irregular no que se conculcaron dereitos humanos. Que a vítima fose el mesmo un criminal non xustifica o desprezo deses dereitos nin das peticións da Unión Europea e do Vaticano para que non se levase a termo a condena. Os defensores da pena de morte aducirán unha vez máis a exemplaridade, o carácter disuasorio para futuros ditadores e xenocidas. É radicalmente falso. Todos os estudios estatísticos que se teñen feito aseguran que a pena de morte non reduce a criminalidade nos países nos que existe, nin favorece a democracia. Todo ditador síntese por riba da lei, e polo tanto da posibilidade de ser condenado. Ditar condenas de morte non libera dos tiranos, ben ao contrario. Tamén dirán que os crimes de Sadam foron moitos e que non existía dúbida da súa responsabilidade neles. Iso é certo, pero unha cousa é castigar e outra vingarse. A condena a morte é sempre un acto de vinganza, neste caso instigada e propiciada polos Estados Unidos. Ademais dun feito vergonzoso e inmoral, probablemente sexa, dende o punto de vista político, un erro máis. As imaxes da execución, difundidas pouco despois por todos os medios, mostran a un home que afronta a morte con serenidade e con valentía. Fala cos verdugos, non permite que lle cubran a cara, mantense ergueito e aguanta firme ollando de fronte durante longos segundos mentres lle colocan e lle apertan a corda ao redor do pescozo. Para os seus seguidores, sen dúbida, é a imaxe dun mártir. Para calquera, a dun home que afronta dignamente un acto indigno. En calquera caso, nada bo para conseguir a paz que se pretende.