La Voz cos disidentes

OPINIÓN

10 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA das características da España de hoxe é a da tolerancia. Na España que tolera (que admite, mesmo a contragusto) está ben visto ser musulmán ou animista, condicións relixiosas asociadas coa de estranxeiría nos máis dos casos. E con tal tolerancia esquécese canto a maioría dos españois lles deben a outros españois minoritarios, que pagaron a súa convicción coa vida, con prisión e con exilio. Son os evanxélicos disidentes do sistema nacional-católico, aos que La Voz de Galicia daba especial atención o 15 de decembro de 1882 (Véxase El protestantismo en La Coruña , de Jesús Reiriz, publicado polo Instituto José Cornide). O xornalista que escribe De Sol a Sol en La Voz manifesta escándalo ante as agresións con berros e pedras dunha «chusma desenfrenada, excitada tal vez por los enemigos del progreso y la libertad» que se concentra diante da capela protestante do Orzán. Repasando a Historia de España desde a Constitución de Cádiz ata a da II República, vese o convencemento de só haber unha Relixión Verdadeira, que o Estado se encarga de manter e defender. Malamente se lle dá respiro á disidencia cristiá coa «libertad de culto interno» que menciona La Voz daquela xornada. Ese respiro é pleno na República e esganado polo franquismo. Só será a Constitución actual a que deixe andar libres os disidentes como nos tempos de Azaña. Agora poñámonos en 1882 e calculemos o valor do artigo referido. Faltaranos saber a intrahistoria: a qué listas negras foi parar o nome do seu autor.