A valoración do profesorado

MARÍA XOSÉ QUEIZÁN

OPINIÓN

14 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

O INFORME da OCDE sobre o nivel educativo do alumnado de Secundaria alertou á poboación e motivou excelentes artigos nas páxinas de Opinión deste xornal. Repartíronse responsabilidades: insuficiencia de recursos, desvalorización da cultura, ausencia de disciplina e de comportamento cívico do alumnado motivado por unha permisividade excesiva na familia, infravalorización do profesorado¿ Unha situación tan deplorábel ten, necesariamente, moitas causas. O profesorado é, polo traballo cotián, o máis directamente afectado e, como demostran as baixas, sofren depresións e problemas psíquicos. A pesar do meu compañeirismo, ao pertencer ao gremio, lamento darlles un novo motivo de perda de estima. Vexan o recente Baremo de Contratación para Centros Públicos : O doutoramento na materia da súa titulación outorga 1 punto; se a nota media é de sobresaliente, 2 puntos; por cada título universitario superior distinto, 1 punto; por publicacións relacionadas coa disciplina, ata un máximo de 0,75. Xa pode ser un sabio na materia, que de pouco lle ha valer. Pero se acredita(mediante certificación do Inem) que é parado, daranlle 1 punto por ano, ata un máximo de 6. ¡ Alucinante! Estar parado puntúa máis que os sobresalientes, teses doutorais e traballos científicos. ¿Quen vai querer estudiar? ¿É así como queren motivar o afán científico? Isto é un insulto ao profesorado, pero tamén unha desvalorización total da cultura. Mesmo así, creo que o profesorado ten sempre motivos para o optimismo. Enrouquecendo para ensinar contidos que serán esquecidos deseguida, tamén transmiten valores: o afán de saber, a ilusión polas verdades científicas, os beneficios que reportan a beleza e a arte, aspectos que non se escoitan noutros ámbitos da sociedade. Isto é un relevante privilexio. ¿Cantas persoas asisten ás conferencias? ¿Cantas veces as/os relatores recorren ás amizades para non ter que falar para as paredes? O profesorado ten un auditorio seguro diariamente e renovábel de ano en ano. Don que non se debe dilapidar.